O Concello de Ferrol aprobará este luns contratos de obras e servizos por valor de 2,5 millóns de euros

Os expedientes corresponden ás rehabilitacións nas rúas Betanzos e Ares, á reparación da avenida do Mar, á renovación de pluviais na praza de España, ao apracadoiro do CHUF e ao amaño de marquesiñas de bus
DSC_2047

O Concello de Ferrol reanudará este luns, 11 de maio, a actividade da mesa de contratación permanente á cal se levará a tramitación de seis proxectos que suman un importe próximo aos 2,5 millóns de euros. Varios deles atópanse xa nas últimas fases do proceso, e en todos os casos superaron xa a de presentación de ofertas.

No tocante ao departamento que dirixe Urbanismo, aprobarase a rehabilitación da envolvente do edificio 1-8 da rúa Betanzos (1.465.980,85 euros), en Recimil, os mesmos traballos no inmoble dos números 1-2 da rúa Ares (294.816,74), tamén nese barrio, e o aparcadoiro disuasorio do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (245.140,00). Os dous primeiros casos van con cargo a investimentos municipais, mentres que o último corresponde ao Plan Único de Concellos POS-2019.

No que respecta Servizos e Obras terá na mesa de contratación outras tres actuacións. A máis cuantiosa (200.983,13 euros) corresponde á reparación da avenida do Mar, mentres que o importe da renovación de pluviais entre os números 23 e 28 da praza de España ascende a 147.619,85 euros, e o da reparación e reposición de marquesiñas de autobuses, a 119.387,01. Estes dous últimos proxectos encádranse, respectivamente, dentro dos fondos propios e do POS-2018. A suma dos importes destas seis obras ascende a 2.473.927,58 euros.

 

Relacionadas