Finalmente chegou o día, a fase 1 da desescalada está en vigor e os bares e restaurantes das comarcas empezan a abrir as súas portas para recuperar a normalidade canto antes. Desde primeira hora da mañá levantaron persianas, colocado as mesas nas súas terrazas coa distancia fixada polo Goberno e o resto de medidas de seguridade que deben tomar os hostaleiros e os seus empregados. Outras terrazas permanecían a esa hora aínda pechadas e con aspecto de ir permanecer así, quizá porque prefiren tentear primeiro como funcionan as instaladas nas proximidades.
En Ferrol a desescalada empezou paulatinamente. No barrio da Magdalena podíase ver algunha cafetería coa súa terraza aberta e os primeiros clientes tomando café, ese que despois de tanto tempo sabe mellor que de costume. Na praza da Gándara, en Narón, recuperouse tamén certa normalidade con máis da metade das cafeterías e comercios abertos, pero sen apenas afluencia de xente.
Na estrada de Castela e en Ultramar o escenario foi similar. Case dous tercios dos locais abriron e cos primeiros clientes da mañá volveu certa normalidade ás rúas. A nova disposición das terrazas aínda extrañaba a algún viandante e moitos veciños optaron por un café con churros para levar.
Coa chegada desta fase 1, reabren tamén museos, bibliotecas, concesionarios, estacións de ITV, instalacións deportivas ao aire libre e centros de xardinería e viveiros, así como centros educativos para a súa desinfección. Ademais, permítese a continuación de actividades de turismo activo e de natureza en grupos de ata 10 persoas e a celebración de mercados ao aire libre se así o permiten os Concellos.