O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, recordou que este venres, día 3, remata o prazo de inscrición en catro cursos organizados polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, enmarcados dentro do proxecto europeo Gefrecon. Estas accións formativas impartiranse en liña e son de balde, tal e como avanzou. Persoal do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) encargarase de impartilos, podendo anotarse a través da web.
Os cursos serán sobre ‘Creación de empresas forestais e/ou apoio para optimizar métodos de traballo’, “Plans de prevención, autoprotección, actuación e xestión relativos aos incendios forestais para administracións públicas”, “Medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientadas a axentes do territorio” e “Medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientadas a formadores e educadores”. Agricultores, gandeiros, propietarios de terreos, empresas de turismo de aventura e forestais, persoal técnico e das administracións públicas, escolares e axentes sociais son, entre outros, os destinatarios destas convocatorias.
Últimas prazas para o curso sobre ‘Márketing dixital en Instagram e as súas posibilidades para o comercio’
As persoas vencelladas ao sector comercial da cidade que desexen realizar un curso sobre ‘Márketing dixital en Instagram e as súas posibilidades para o comercio’, dispoñen aínda dalgunhas vacantes para anotarse. O concello organiza a convocatoria a través do Servizo de Normalización Lingüística e dentro do proxecto ‘Narón gaña co galego’. En total ofértanse vinte prazas e terán prioridade os establecementos adheridos á campaña municipal ‘Narón gaña co galego’. Para inscribirse, de balde, hai que dirixirse á dirección de correo electrónico: [email protected], e indicar no correo o nome da persoa participante, o do comercio que xestiona ou atende, un número de teléfono e unha dirección de correo electrónico de contacto.
O curso terá unha duración de vinte horas, das que trece serán por videoconferencia, sete serán de carácter práctico e a hora restante de titoría individualizada para cada participante, tamén por videoconferencia. As sesións iniciaranse o vindeiro luns, 6 de xuño, e rematarán o 22 deste mes, programándose en horario de tarde, de 21:30 a 22:30, se ben se ofrece a maiores a posibilidade de descargar algunha sesión para visualizala posteriormente no caso de que non poidan asistir.
Os contidos que se tratarán nas sesións son: os beneficios de Instagram como rede social para o noso comercio, casos de éxito próximos, pasos para crear e configurar o perfil de Instagram, tipos de publicacións, ferramentas e trucos para a edición de imaxe, campañas publicitarias, casos prácticos e a lingua galega no comercio. Un dos obxectivos deste curso é dar maior presenza e visibilidade aos comercios locais no mundo dixital para así poder incrementar as vendas e coñecer as vantaxes de usar o galego nas súas redes sociais.
Aberto o prazo para inscribirse en ‘Internet e as súas utilidades seguras’ e ‘Teletraballo, reunións en liña e capacitación online’
A edil de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, anunciou a apertura, o pasado martes, do prazo de inscrición en dous cursos que se impartirán na Aula Cemit de Xuvia ‘Internet e as súas utilidades seguras’ e ‘Teletraballo, reunións en liña e capacitación online’. As dúas convocatorias, indicou, realizaranse a través da plataforma Cemit da Xunta de Galicia. Para cada unha destas accións formativas ofértanse un total de doce prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, recibindo as persoas admitidas no mesmo unha chamada telefónica na que lles confirmará esa admisión.
O curso de ‘Internet e as súas utilidades seguras’, consta dun total de 60 horas formativas, dende o 9 ao 30 de xuño e en horario de mañá, de 9:30 a 13:30. Os contidos serán sobre a seguridade, contrasinais, antivirus –tipos de virus, configuración e uso-, navegar en páxinas seguras, compras en páxinas seguras, correo electrónico seguro e seguridade en redes sociais. Para inscribirse é necesario facelo a través do enlace.
En canto á acción formativa sobre ‘Teletraballo, reunións en liña e capacitación online’, impartiranse 28 horas, do 21 ao 30 de xuño e neste caso en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. Xestión do correo, tarefas e axenda dixital, reunións en liña -teams, zoom e GoogleMeet-, almacenamento na nube, mensaxería a tempo real e xestión de proxectos online con Trello son os temas que se abordarán nesta convocatoria. As persoas interesadas en anotarse deben facelo a través do enlace.
Discussion about this post