O Ministerio de Facenda acaba de dar luz verde á venda, á Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, do antigo edificio de Aduanas da cidade naval, que nestes momentos é propiedade do departamento de Interior e que será rehabilitado polo Porto.
Esta actuación contribuirá a poñer en valor a fachada marítima de Ferrol, xunto con outras dúas que se atopan en trámite: a recuperación da vella Comandancia Naval e a desafectación da Casa do Mar para que poida funcionar con usos turísticos.
Nos próximos días, a Autoridade Portuaria formalizará a adquisición do inmoble por 203.836 euros. Situado na zona de Curuxeiras, trátase dun edificio de planta baixa e tres alturas cunha superficie construída de 701 metros cadrados. Hoxe visiblemente deteriorada, é unha edificación catalogada, con alto valor arquitectónico e afectada polo Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Ferrol Vello.
Novos usos
Unha vez reformado integralmente, este edificio acollerá as dependencias máis vinculadas coa representación oficial da Autoridade Portuaria. Entre outras aplicacións que se están estudando, podería aloxar unha sala de usos institucionais, o arquivo histórico e, abertos á cidadanía, un salón de actos e unha sala de exposicións.
Desta maneira, o inmoble onde agora organízanse as mostras pictóricas e fotográficas, na contorna da Ranita, poderá ser destinado a control de fronteiras, necesidade que se ha de cubrir con instalacións adicionais ás xa existentes por mor da saída do Reino Unido da Unión Europea e da normativa de control de fronteiras que entrará en vigor en 2021.
Obras na Comandancia
A recuperación de Aduanas virá precedida pola rehabilitación da antiga Comandancia Naval. As obras neste último inmoble atópanse xa desde antonte en fase de licitación. As construtoras interesadas en levalas a cabo teñen ata o 9 de xuño para formular as súas ofertas, cun orzamento máximo de 1.580.317,43 euros máis IVE e un prazo tope de execución de 21 meses.
Entre outras intervencións, o proxecto de rehabilitación da Comandancia inclúe o baleirado do seu interior para executar unha nova estrutura, a mellora da accesibilidade, o cambio de carpinterías, o embelecemento da fachada, a escavación no soto para sanear soleiras e eliminar humidades, a substitución da cuberta de fibrocemento por unha acabada en zinc e a eliminación de volumes impropios encostados ao inmoble, como os da parte posterior e o situado sobre a lanterna.