Fene aproba a licitación de varias obras por un importe de 620.000 euros

Os princiais traballos corresponden aos proxectos de ampliación e mellora do cemiterio municipal de Barallobre
cementerio-barallobre_img602954t0

A Xunta de Goberno Local do Concello de Fene celebrada acordou onte iniciar os expedientes de contratación de catro proxectos que, en conxunto, se aproximan aos 620.000 euros, procedentes na súa maior parte do  Plan Único da Deputación e doutros programas provinciais do ano pasado. Entre as obras que se licitarán destaca a ampliación da capacidade do cemiterio municipal de Barallobre, onde construiranse 126 columnas con tres nichos máis un cinceiro funerario cada unha, o que supón ampliar en 378 sepulturas a capacidade do recinto. O proxecto está cifrado en 257.797,03 euros e non será o único que se execute proximamente no camposanto, xa que nestes momentos está preparándose o expediente para a urbanización e dotación de servizos xerais do cemiterio, financiada con outros 230.795 euros de fondos municipais.

Tamén se aprobou onte un lote de facturas de provedores correspondentes aos meses de marzo e abril por un montante total de 119.891,66 euros, de maneira que o consistorio se pon ao día na tramitación dos pagos correspondentes a este ano.

O outro grande apartado de investimento municipal refírese ao apartado viario. O órgano de goberno deulle luz verde á licitación do aglomerado e os servizos da pista entre Os Regueiros e a Visura, en Sillobre -148.550 euros-, á pavimentación con este mesmo firme da vía que une Fene con Magalofes pasando por Lubián -112.399 euros- e ao reforzo con aglomerado do camiño da Lomba, en Barallobre, cun importe de saída de 104.833 euros. Estes tres proxectos publicaranse no BOP e no Perfil de Contratante municipal a semana que vén, co que as empresas interesadas poderán empezar a presentar as súas ofertas técnicas e económicas.

Segundo comentou Juventino Trigo, todos estes proxectos «veñen cubrir servizos básicos para a cidadanía» e, por outra banda «contribuirán na súa medida ao mantemento do emprego e a reactivación económica».

Relacionadas