O Concello das Pontes, tras acometer, no ano 2019, as obras de mellora de servizos e seguridade viaria na marxe esquerda da AC-564 ao seu paso por Goente, ten previsto continuar coa mellora deste viario co execución dun proxecto de características similares na súa marxe dereita.
O proxecto, cun orzamento de 150.658 euros, con cargo á Deputación da Coruña, permitirá á reposición dos actuais servizos de saneamento, abastecemento e iluminación así como a mellora da beirarrúa existentes, entre o punto quilométrico 17,200 e o 17,800.
A nova rede de saneamento incluirá a execución dunha rede de pozos de acometida e pozos de rexistro mentres que a rede de abastecemento desdobrarase. Por un lado estará a liña procedente da rede municipal, desde o inicio da actuación ata a conexión co ramal de estación de bombeo e, en paralelo, discorrerá unha liña de repartición desde a cal se realizarán as acometidas domiciliarias mediante as válvulas correspondentes. As obras completaranse coa instalación da canalización da iluminación pública, con arquetas de rexistro.
Por outra banda, a reposición das beirarrúas existentes contémplase como unha mellora da seguridade coa que se regularizará e ampliará, nos lugares nos que sexa preciso, para deste xeito cumprir coa normativa vixente en materia de accesibilidade e seguridade. Construirase unha beirarrúa de formigón continúo, sen bordo prefabricado, armada con malla como reforzo, dándolle un acabado picado antiescorregadizo, con achega de cuarzo e colorante da mesma cor que a beirarrúa da marxe esquerda.