Os concelleiros de Mobilidade e Seguridade de Ferrol mantiveron onte un encontro cos representantes de Tele Taxi e Radio Taxi para facerlles unha nova entrega de 500 máscaras cirúrxicas, que ambas asociacións distribuirán entre os seus profesionais. Os concelleiros puxeron de manifesto o “esforzo que están a facer os taxistas ao estar expostos para trasladar á xente nos seus vehículos”, polo que o goberno local quere contribuír a que corran “o menor risco posible” no exercicio da súa profesión.
O Concello tamén iniciou onte o reparto de equipos de protección individual (EPI) entre os comerciantes da cidade. A través das asociacións que aglutinan aos negocios deste sector, o goberno local fará chegar as máscaras protectoras aos donos dos establecementos. Pola mañá, a través da concellería de Seguridade e da de Promoción Económica facilitóuselle este material á asociación Ultramar Village. A seguinte en recibilas será o Centro Comercial Aberto Ferrol A Magdalena.
O reparto proseguirá ata chegar a todas as asociacións da cidade, que recibirán un paquete de máscaras en función do número de empregados cos que conta cada negocio asociado.