Hoxe deuse a coñece a programación das Festas do Carme 2022 de Mugardos, nas que están programadas actuacións de teatro infantil e concertos, e por suposto a colaboración do Concello para a celebración o próximo domingo dos actos relixiosos na honra da Virxe do Carme.
Desde hoxe luns e ata o mércores, todos os días ás 20.30 horas na carpa instalada na praza da Constitución (na punta do peirao) haberá actuacións destinadas ao público infantil. Arrinca hoxe o grupo de teatro Noroeste coa obra de teatro Animais de compañía, mañá chegaralle o turno á obra O Quixote e o mércores terá lugar a actuación do Mago Rafa.
Coa fin de semana chega o momento da música, cunha variada oferta de estilos. As actuacións serán tamén na praza da Constitución pero neste caso darán comezo ás 22.30 horas. O venres achéganse a Mugardos Malditos Pendejos, o sábado serán os chicos e chicas de La edad de oro del pop español e o domingo pecharán as festas a Orquestra Claxxon e Broken Peach. Este peche terá unha gran novidade xa que Mugardos estreará un novo sistema de pirotecnia, coñecido como “piromusical”, no que fogos e música irán da man.
Como xa é tradición, as Festas do Carme mugardesas celebrarán o domingo o seu día grande coa misa na honra á Virxe ás 12.30 horas. A partires das 13.30 horas dará comezo a procesión, acompañada nesta ocasión pola Banda de Música “Vila de Cedeira” e con traca, que levará a figura da patroa dos mariñeiros ata o peirao para a procesión marítima, coa emocionante ofrenda floral aos caídos na mar.