O Concello de Neda aprobou este xoves a ordenanza municipal de normalización lingüística, un documento co que impulsar o uso e prestixio social do idioma a través de accións encamiñadas á implicación cidadá. Así, o texto establece unhas liñas de actuación coas que incorporar o galego en todos os ámbitos da vida municipal, e impulsar a normalización do seu uso no conxunto da sociedade.
A ordenanza establece o galego como lingua propia e oficial de Galicia e como o idioma oficial do Concello de Neda, debendo empregalo en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia e con aquelas outras que admitan o galego para as actuacións administrativas.
Asimesmo, tamén se rexerán polos criterios desta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratadas cando actúen en función desa adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, o cal se fará explicitamente constar nos documentos correspondentes, como concursos públicos, pregos de cláusulas ou contratos.
Entre outros contidos, sinala que todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua normal de comunicación de entrada, tanto oral como escrita, practicando a oferta positiva en lingua galega. En relación á documentación e tramitación administrativa, e como criterio xeral, todas as actuacións do Concello faranse en idioma galego. Isto sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego tamén se faga en castelán como lingua cooficial no territorio galego.
A nova ordenanza, que foi elaborada polo servizo de normalización lingüística co que conta a Administración local grazas ao apoio da Mancomunidade, pode consultarse na seguinte ligazón.
Discussion about this post