O pleno do Concello de Ferrol celebrado onte a tarde por vía telemática aprobou por unanimidade no punto 4 a proposta de modificación da ordenanza reguladora das terrazas con finalidade lucrativa do dominio público. Deste modo, os hosteleiros ferroláns non terán que pagar dito imposto municipal desde o 14 de marzo ata o 31 de agosto.
A corporación ao completo tamén deu o visto bó a algúns proxectos construtivos como a reparación do espazo pechado pola galería grande na Asociación de Veciños da Graña, na rúa Real Alta 24; ao proxecto de aglomerado da estrada Papoi-Mandiá ou ao aglomerado en camiño do Buil, camiño da Cruz e rúa das Lousas, en Serantes.
Tamén tivo o visto do pleno, cos votos en contra do PSOE, a moción presentada polo grupo de Ferrol en Común para adxudicar os postos do mercado de Caranza, reformado o pasado ano por un importe de case 800.000 euros e que aínda no está formalmente ocupado.
Pola súa banda, aprobouse por unanimidade a moción do Partido Popular de modificar as ordenanzas fiscais correspondentes ás terrazas, a venda ambulante e autorización de postos nos mercados municipais co obxectivo de axudar aos autónomos e pequenos empresarios que se viron afectados polo COVID-19.
Ademais, aprobouse co voto favorable de todos los grupos, unha declaración institucional para instar á Real Academia Galega a prolongación ao 2021 da homenaxe a Carvalho Calero no Día das Letras Galegas.