O Concello de Fene viu incrementadas as solicitudes de axuda por parte de familias en situación de vulnerabilidade no concello. Se en circunstancias normais viña prestándolle axuda a entre 18 e 20 familias, a raíz da nova situación, foron subindo en número pouco a pouco ata chegar nestes momentos a unha media que varía entre as 40 e 50.
De feito, a semana pasada foron 44 as familias que dispuxeron de asistencia municipal coa colaboración da Asociación Dignidad. A entidade e mailo Concello asinaron un convenio para darlle unha resposta inmediata a situacións «que estiveron medrando nas últimas semanas, aínda que agardamos que a progresiva volta á normalidade tamén signifique unha redución no número de casos ou polo menos que se estabilicen», explicou a concelleira da área, Mari Carmen Martínez.
A través de Dignidad -e tras un estudo previo por parte das traballadoras sociais municipais- ás familias entrégaselles un vale semanal para a adquisición de alimentos ou outros produtos básicos. A contía parte de 20 euros e vaise incrementando de cinco en cinco euros por cada membro da unidade. A Asociación Dignidad tamén lles entregou a maiores lotes de produtos non perecedoiros ou cun longo período de caducidade, como por exemplo pasta, legumes, patacas, aceite, leite, ovos, cacao ou galletas.
O acordo suscrito coa Asociación Dignidad ten unha duración de tres meses e unha contía de 16.000 euros. O Concello pretende con este acordo «garantir unha cobertura inmediata das necesidades de aquelas persoas e núcleos familiares que se encontran nunha situación máis vulnerable».