O Concello de Cerdido levará a pleno a proposta do grupo de goberno socialista de destinar unha partida de 60.000 euros para axudas directas a autónomos e pemes afectados pola crise do coronavirus. En concreto, o concello pretende axudar a reactivar a actividade dos negocios que tiveron que pechar durante a crise da Covid-19 ou perderon ata o 75% da facturación desde o comezo da pandemia.
As persoas que cumpran cos requirimentos (estar de alta no IAE e desenvolver a súa actividade en Cerdido, ademais de estar ao corrente das obrigas tributarias), optarán a estas axudas para cubrir gastos como o alugueiro do local da actividade, gastos de xestoría, cotas da seguridade social ou nóminas de empregados por conta allea.
“Aínda que non temos as competencias en materia de emprego, os concellos estamos na obriga de botar unha man aos sectores e negocios máis afectados por esta crise”, afirmou o alcalde, Benigno Galego.
O Concello de Cerdido publicará nas próximas datas as bases das axudas e estudará outro tipo de medidas de reactivación económica.