O XLIII Festival Irmandiño volve ao formato prepandemia despois de que en 2020 a situación obrigase a desenvolver unha edición virtual a través das redes e de que en 2021 se optase por un festival de pequeno formato e con reserva previa no adro da igrexa de San Xurxo.
O programa 2022, dado a coñecer pola organización hai tan só uns días, está presidido pola música e por unha oferta ampla e variada de actividades que arrancan o venres 19 de agosto ás 22:00 coa repichoca popular no campo do festival á que están chamadas todas aquelas gaiteiras, pandeireteiros, acordeonistas, cantareiras e percusionistas que queiran sumarse a unha festa que contará como convidadas coa S.C. Airiños dos Carrís (Cerdido) e coas Cantareiras do Saíme (San Sadurniño).
O día grande do Festival Irmandiño, o sábado 20 de agosto, comezará ás 11:00 horas coa apertura do castelo con entrada libre. Ás 13:30 o campón do Pereiro será escenario dunha sesión vermú con picadiscos e, pola tarde, está previsto o asalto infantil ao castelo (17:00 horas) e o campionato de deportes rurais (18:00). Os grupos convidados na primeira parte da noite son Lenda Ártabra e Ghaldaripas (20:30), Dequenvessendo (21:30) e o grupo vasco Neomak (23:00).
Sobre as 00:30 horas chegará a paréntese tan agardada do pregón, ofrecido este ano polo actor César Cambeiro, e do asalto á fortaleza, que rematará sobre as 01:15 horas. De poñerlle o ramo á noite do sábado encargaranse a Banda Xangai (01:15) e Farrapos de Ghaita, que empezará a tocar sobre as 02:45.
O domingo 21, última xornada do Irmandiño, a troula trasládase ao pé do castelo. A partir das 13:30 horas haberá sesión vermú e un xantar campestre -cachelo, liscos, crioulo, xamón cocido e pan- con racións a 6 euros. Na sobremesa, a partir das 16:30, actuará a formación pontesa No Cómbaro seguida do grupo folk Encrucillada.