A área sanitaria de Ferrol segue aumentando día a día o número de doentes curados do coronavirus. A día de hoxe son xa 560 os casos non activos, é dicir, que superaron o virus e obtiveron a alta epidemiolóxica. Isto deixa un total de 19 contaxios activos por Covid-19 no conxunto das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, dous menos que onte. Ademais, o número de doentes ingresados no Marcide con complicacións segue sendo de tan só dous.
Hoxe cúmprense xa 21 días sen novos falecementos relacionados co coronavirus, polo que o número de vitimas mortais na área de Ferrol sitúase en 33, das cales 3 faleceron en residencias de maiores. Precisamente os centros da terceira idade levan xa unha semana sen rexistrar novos casos de Covid.