Aprobado o proxecto de urbanización do Poboado das Veigas, en As Pontes

A obra suporá un investimento de 4,5 millóns de euros e suporá unha transformación integral dos equipamentos e servizos públicos
24Poblado-de-As-Veigas

A Xunta de Goberno Local do Concello das Pontes acordou, onte, a aprobación inicial do proxecto de urbanización do Poboado das Veigas que suporá un investimento de 4,5 millóns de euros.

O proxecto presentado pola empresa propietaria dos terreos contempla unha transformación integral dos equipamentos públicos que permitirá a renovación dos servizos de saneamento,  abastecemento, alumeado, rede eléctrica e telecomunicacións, así como completar a urbanización precisa para que os terreos nos que se asenta o Poboado das Veigas acaden a condición de solar.

O concelleiro responsable da área de Urbanismo, Antonio Alonso, sinala que “culmina así un arduo camiño iniciado no ano 2011 que permitirá que a veciñanza do ámbito das Veigas se vexan equiparada en dereitos e servizos ao resto dos veciños e veciñas pontesas”.

Alonso recorda que unha vez executada a obra, en base ao convenio asinado con Endesa non ano 2016, a empresa propietaria dos terreos entregará, sen custo algún, os espazos de titularidade pública ao ente municipal (viario, zonas verdes e equipamentos).

“Pasarán a todos os efectos, tras a súa renovación, a formar parte do tecido urbano do municipio, o que nos permitirá darlle aos seus actuais residentes os mesmos servizos que a toda a veciñanza, evitando erros do pasado, como cando se recibiron os Poboados da Fraga, Barreiro, Muíño e Magdalena cos servizos urbanos sen actualizar, circunstancia que nos obrigou a investir máis de 6 millóns de euros na súa renovación” subliña o edil.

Tras esta aprobación inicial abrirase un período de exposición pública de trinta días para presentar alegacións e posteriormente o Concello das Pontes poderá proceder a outorgar a licenza correspondente para comezar coas obras de urbanización no Poboado das Veigas.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.