Dumbría sae á rúa para protestar contra os recortes de profesorado no CEIP Santa Eulalia

A Consellería de Educación decidiu que un dos profesores do centro pasaría a estar compartido con outro a pesar do aumento de matrículas
La concentración ante el CEIP Santa Eulalia de Dumbría | CEDIDA
La concentración ante el CEIP Santa Eulalia de Dumbría | CEDIDA

A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría saíu este luns á rúa para esixirlle á Consellería de Educación da Xunta de Galicia que dea marcha atrás na súa decisión de que un dos profesores do centro —con destino definitivo nel— pase de estar a tempo completo a estar compartido con outro a pesar de que o número de matrículas medrou con respecto ó ano anterior.

«Que penoso comezar así un curso, con toda a comunidade reclamando o que nos corresponde: o profesorado que se precisa para ter un ensino de calidade», denuncian dende a ANPA 15 de Maio, que lamenta que «recortar en profesorado nun cole do rural é contribuír a que un pobo esmoreza».

Así, un curso que debera ser «o de recuperar as ilusións tras a situación excepcional que viviron os nosos fillos e fillas» chega «coas caras de preocupación, rabia e carraxe das súas familias», que saben que «o rural é noso, perténcenos, pero pouco a pouco estano matando».

O Concello de Dumbría tamén se sumou ás reivindicacións da comunidade educativa e esta mesma mañá remitiu un escrito dirixido ó conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao Xefe Territorial da Consellería de Educación na Coruña, Indalecio Cabana Leira, ao Xefe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, Rubén Ponte Justo; e ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor

«Queremos solidarizarnos coas reivindicacións que se están levando a cabo dende a ANPA, as cales consideramos necesarias é xustas: resulta incomprensible que o alumnado se vexa privado das horas de atención que lle pertencen», denuncia o Concello.

O Goberno local considera que «este trato discriminatorio non é de recibo», xa que «recortes en educación como nos ocupa ou en sanidade, coa supresión de servizos e o peche de consultas en pleno mes de agosto e as deficiencias en servizos de pediatría e matronas ou déficits en infraestruturas» están a facer «que a calidade de vida da poboación rural e da Costa da Morte en concreto estea a minguar día a día».

«Non pode ser que a xente que vivimos no rural sexamos tratados coma cidadáns de segunda: os dereitos das nenas e nenos do rural non poden ser menores cós doutros e por iso pedimos que se escoiten as demandas da ANPA e que o mestre asignado ao centro, e con praza no mesmo, poida levar a cabo as súas tarefas a tempo completo en Dumbría», conclúe o Concello.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.