Os socialistas lucenses encaran un curso político «cun partido forte e unido»

O secretario xeral dos socialistas na provincia marca como obxectivos "conseguir representación municipal nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías e sumar outras novas"
PSOE de Lugo
PSOE de Lugo

Os socialistas lucenses encaran o inicio do curso político co compromiso “de seguir traballando día a día para mellorar a vida dos lucenses. Política de feitos e non de anuncios, diálogo coa xente, cos axentes sociais e coas familias. Unha aposta clara polos servizos públicos, polas políticas sociais, polo rural e polo tecido produtivo».

Así o indicou o Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, durante un encontro cos medios de comunicación no que adiantou as liñas de traballo e os obxectivos para un curso político que desembocará nas eleccións municipais de maio do 2023 e a conseguinte renovación das corporacións locais e provincial. No encontro, celebrado hoxe na sede provincial do PSdeG, estivo acompañado polo presidente do partido na provincia, Miguel Fernández Méndez, o vicesecretario Xeral, Xosé María Arias Fernández e a secretaria de Organización, Pilar García Porto.

«Conseguir representación municipal nos 67 concellos da provincia, manter e reforzar as actuais alcaldías, sumar outras novas, manter e mellorar resultados nos concellos onde non gobernamos e asegurar a continuidade dun goberno progresista presidido por socialistas na Deputación de Lugo» son os obxectivos marcados polo líder do PSdeG na provincia.

O partido, recalcou José Tomé, encara o ano político cun partido “forte, unido, con homes e mulleres con capacidade, ideas e recursos” para mellorar os resultados das municipais. Actualmente, os socialistas gobernan ou cogobernan en 31 dos 67 concellos da provincia, que aglutinan a maioría social da provincia porque suman un 65% da poboación lucense.

 

Rural, servizos públicos, industrialización e infraestruturas

Mellorar a situación da sanidade e a educación, garantir o acceso ós servizos públicos de calidade no rural, a aposta polo sector primario ou a necesidade de contar cun plan industrial para a provincia son, explicou Tomé, algunhas das reivindicacións principais dos socialistas na provincia.

“Os lucenses non están recibindo os servizos de calidade ós que teñen dereito. A situación da sanidade e da atención primaria é completamente insostible na provincia. Faltan médicos de familias, pediatras, persoal de enfermaría, e os que hai teñen sobrecarga de traballo. A Xunta leva 13 anos precarizando á sanidade, dando pulo á sanidade privada, en detrimento da pública”, replicou.

En relación a educación incidiu nos recortes de profesorado, así como un inicio de curso complicado para as familias, “onde o PP só reaccionou cando o PSdeG lle propuxo a gratuidade dos libros de texto, como xa fixo o Goberno de Touriño en Galicia, que xa demostrou que é posible, pero chegou Feijoó e retirou as axudas».

Sobre as infraestruturas pendentes na provincia, remarcou que son necesarias “xa que contribúen a dinamizar a economía e o emprego, fixar poboación e fan competitivo o territorio”. “Faremos un seguimento da alta velocidade, das autovías e demandaremos tamén as obras que a Xunta ten pendentes dende fai décadas na provincia de Lugo. Como por exemplo a Vía de Alta Capacidade da Mariña, a Ronda Leste ou o aceso ao Porto Seco en Monforte de Lemos. «Empecen a pagar a débeda que teñen coa provincia de Lugo”, dixo.

«Vacacións da Xunta»

José Tomé criticou as “vacacións permanentes da Xunta” durante os últimos 13 anos. “O PP carece de proxecto para esta provincia. Fan moi ben de comentaristas para saber o que pasa, pero non aportan ningunha solución para os problemas da sociedade galega. E os alcaldes do PP na provincia seguen estas directrices e calan. Calan ante o desmantelamento dos servizos públicos ou ante a desertización industrial da provincia, xa que son disciplinados”.

Relacionadas