O Proxecto Onda ODS, no que participan máis de 300 medios locais de todo o Estado, arrancará o vindeiro xoves 15 de setembro cun programa de radio en directo realizado por EMUGA- Radiofusión desde o Castelo de Santa Cruz en Oleiros, sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Este espazo radiofónico sentará as bases da estratexia de comunicación do proxecto, encamiñado a sensibilizar á cidadanía e fomentar a reflexión na audiencia arredor dos obxectivos recollidos pola ONU na Axenda 2030.
Coincidindo coa emisión do primeiro dos espazos radiofónicos que se inclúen no proxecto Onda ODS, os representantes das asociacións de emisoras locais que promoven esta iniciativa manterán unha xuntanza co propósito de sentar os cimentos para a constitución dunha federación que agrupe a todos estes colectivos.
Durante a xuntanza, analizarán e debateran o borrador dos estatutos sobre o que levan traballando desde hai tempo. Será unha boa oportunidade para tomar conciencia da situación na que se atopa o sector da comunicación radiofónica, reflexionando sobre os retos aos que ten que facer fronte no futuro e debullando os camiños polos que debe transitar para manter os parámetros de competitividade dentro dun paradigma de comunicación dixital cada vez máis esixente.
Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio A Estrada, conducirán este espazo radiofónico, que se emitirá en directo e no que se abordarán diversos aspectos vinculados a estes obxectivos recollidos no documento das Nacións Unidas. Desde as 09:00 da mañá e durante máis de dúas horas, polos micrófonos do estudio situado no auditorio do CEIDA pasarán diversos protagonistas que achegarán, cunha perspectiva de proximidade, exemplos concretos de propostas e iniciativas que traballan en prol destas boas prácticas.
A cantautora Sofía Espiñeira poñerá a nota musical a unha xornada matinal da que poderá gozar en vivo o alumnado de varios centros educativos galegos, entre eles os integrantes do sexto curso de primaria do CEIP Jorge Juan de Perlío, así como representantes de asociacións e do movemento veciñal da contorna.