O pleno extraordinario celebrado onte en Ferrol volveu posicionar ao grupos municipais en torno a dous asuntos de longo recorrido na cidade: o cobro do IBI a Defensa e a Igrexa e a peatonalización do centro histórico da cidade. Ambas propostas foron levadas ao pleno polo grupo municipal do BNG e só recibiron o apoio do propio partido nacionalista e de Ferrol en Común (FeC).
O Bloque instou ao pleno a acordar a peonalización integral do barrio de A Magdalena e ao goberno local a executar este acordo de xeito imediato. Os de Iván Rivas esgrimiron que as normas da nova normalidade e as medidas adoptadas durante a desescalada para favorecer o esparcemento do peóns por diferentes zonas da cidada era un bo punto de inicio para por en marcha o proceso de peatonalización do centro de Ferrol. Sen embargo, a proposta non saíu adiante debido á abstención do PSOE e o voto en contra do Partido Popular.
Sí houbo unanimidade na moción para habilitar espazos públicos que prioricen o tránsito peonil e a desenvolver un estudo de cara a establecer zonas e percorridos peonís noutras zonas da cidade que poderán ter a condición de carácter temporal ou definitivo.
Respecto á outra moción do BNG para mellorar os ingresos económicos do Concello mediante o cobro do IBI á Igrexa e ao Ministerio de Defensa, socialistas e populares tampouco deron o seu visto bo á proposta, que só contou con apio do Bloque e de FeC. Sí saíu adiante a petición de esixir a Emafesa o pago do canon concesional que lle adebeda ao Concello, así como o pago do IBI de contribucións especiais deste ano e das anualidades anteriores.
Impulso da eólica mariña
O pleno do Concello de Ferrol sí aprobou por unanimidade a declaración institucional en favor do impulso da explotación da enerxía eólica mariña en Galicia, que acorda en primeiro lugar instar ao Goberno de España a que, de cara aos vindeiros Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, analice a situación das augas galegas en termos de cualificacións legais, condicións técnicas e demandas sectoriais co obxenctivo de valorar a instalación de parques eólicos off-shore, flotantes, que non afecten a áreas protexidas por mor do seu valor natural, que respecten os ecosistemas mariños e os bancos pesqueiros e que sexan compatibles coas actividades marítimas preexistentes.
O segundo punto da declaración insta ao Goberno da Xunta de Galicia, de acordo coas súas competencias, a valorar tanto este tipo de instalacións como a industria que as fabrica, apoiando proxectos de investigación das enerxías renovables vinculados á área de turbinas de Navantia, e sempre asegurando previamente a compatibilidade dos parques coas actividades marítimo-pesqueiras e o respecto ao medio ambiente.