A Xunta licita por máis de 6,47 millóns de euros as obras de mellora da estrada que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira

Trátase da primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido
AC-862

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita as obras de construción de mellora da capacidade e seguridade viaria da estrada AC-862, que une a autovía Ferrol-Vilalba e Ortigueira, por un importe de máis de 6,47 millóns de euros.

Trátase da primeira fase de acondicionamento do treito comprendido entre a AG-64 e Ponte Mera, ao seu paso polos concellos de San Sadurniño, Moeche e Cerdido. En total, nesta primeira fase actuarase en preto de 20 quilómetros de estrada, rectificando curvas, ampliando a calzada. Habilitarase un novo un terceiro carril de adiantamento ao longo de 3,8 quilómetros, ademais de mellorar o carril adicional actual existente en sentido Ferrol.

A actuación iníciase no punto quilométrico 17+500, unha vez superado o núcleo de San Sadurniño e tras deixar atrás o enlace coa AG-64. As principais actuacións proxectadas son a corrección de trazados nos treitos curvos, mellora e redeseño das interseccións existentes e o encaixe e dimensionamento de carrís lentos, naqueles treitos onde é viable. Tamén se prevé a revisión e acondicionamento da sinalización vertical e horizontal e a análise dos xiros á esquerda e da seguridade viaria.

Para a segunda fase, cuxo proxecto está en redacción, resérvanse as actuacións para executar entre os puntos quilométricos 37+340 e 42+380. Esta actuación enmárcase nas actuación para mellorar a rede de estradas autonómicas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Relacionadas