O Concello de Mugardos aprobou levar ao pleno a aportación do “POS Social”, o POS+ adicional 1/2020 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados do Covid-19 posto en marcha pola Deputación Provincial. O goberno local espera que saia adiante coa unanimidade de tódolos grupos.
Segundo explicou a concelleira responsable do departamento, Ana Varela, a proposta aprobada incorporará ao orzamento municipal 23.581,28 euros para o financiamento dos gastos sociais extraordinarios derivados do COVID-19: 14.550,00 euros para a adquisición de medios de prevención (EPIs) para o persoal municipal de atención social, 20.000,00 euros para a ampliación da dotación das partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás familias e 8.450,00 euros para outros gastos imprescindibles e urxentes para atender ás persoas especialmente vulnerables con motivo desta crise.
“Este plan de axudas provincial permitirá duplicar as axudas sociais municipais directas a veciños e veciñas que se viran especialmente afectados pola crise do COVID. Agora máis que nunca, os concellos teñen que estar á altura das circunstancias, e ser a man que os veciños e veciñas necesitan para non caer na exclusión social por mor desta crise, e estas axudas serán unha excelente ferramenta”.