O Concello de Ferrol, a través da concellería de Festas ten preparado de cara ás festas de verán unha programación adaptada á nova situación xerada pola crise sanitaria da covid-19. Deste modo, o goberno local anunciou que entre os días 22 e 31 de agosto a cidade contará cun 50 espectáculos de pequeno formato espallados polo territorio municipal, cinco cada día, cada un en outros tantos puntos distintos, máis o pregón do día 21.
Serán actuacións acordes coas indicacións de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, en “coherencia con este tempo de emerxencia sanitaria”, explicaron desde o Concello. Nesta ocasión, o modelo de festas que se vai propoñer será «de proximidade aos ferroláns» e que permita evitar aglomeracións ao tempo que “se recuperar paulatinamente a alegría nas rúas” e o “pulo cultural” de Ferrol.
Unha mostra do talento ferrolán
A intención do Concello de Ferrol apostará por un modelo de festas que permita “mostrar o talento creativo da cidade e comarca polas rúas da cidade”. Do mesmo xeito que sucedeu en Nadal, a programación de verán “chegará a todo o municipio a través dun formato descentralizado”, detallou o edil da área Antonio Golpe. “Cada barrio terá animación e actividade festiva”.
Entre os 50 espectáculos programados na rúa haberá diferentes expresións artísticas, como música, cine, teatro, monicreques, danza ou circo, entre outras. Todas elas, lembrou o edil, con especial atención á escena cultural local. “Contaremos co apoio do tecido asociativo da cidade, e as entidades de Ferrol terán o respaldo do Concello”, rematou Golpe.