A celebración de San Xoan, unhas das máis multitudinarias en tódolos concellos da comarca, realizarase este ano de forma privada debido as restricións impostas pola crise sanitaria do Covid. As fogueiras, as sardiñadas e queimadas faranse, como ocorría fai anos, de forma privada nas fincas particulares, onde poderán xuntar tantas persoas como desexen, pero sempre con responsabilidade.
Así, os diferentes concellos da zona publicaron estes días diversos bandos para anunciar as medidas concretas que adoptarán cada un deles para regular a celebración do solsticio de verán e da noite máis curta do ano. O Concello de Valdoviño informou esta mañá a través dun bando municipal que poderán realizarse luminarias de carácter tradicional nos espazos privados dos núcleos rurais e urbanos, previa declaración responsable. Deben presentar a súa solicitude chamando ao teléfono 981 48 70 41. O prazo conclúe o 23 de xuño ás 12.00 horas para as luminarias de San Xoán e o 26 de xuño ás 14.00 horas para as de San Pedro.
Así mesmo, deberán seguirse as precaucións oportunas como manter unha distancia de seguridade de 50 metros de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas. Ademais, non se poden queimar residuos perigosos ou tóxicos e deberá facerse unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa axeitada rodeando o perímetro da luminaria. Doutra banda, prohíbense as luminarias en calquer espazo público e en espazos privados de uso público, como parcelas vencelladas a negocios de hostalería ou asociacións.
En San Sadurniño, para ter un control das cacharelas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, é preciso presentar unha comunicación previa no Concello indicando onde se vai facer o lume e quen é a persoa responsable. O impreso pode obterse nas oficinas municipais -con cita previa- ou descargarse desde esta ligazón. Deberá presentarse debidamente cuberto presencialmente ou a través da Sede electrónica. O prazo para a súa presentación é o día anterior á celebración da lumeirada.
Con carácter xeral, nas «saltas» do San Xoán e do San Pedro que se queiran organizar non deben producirse aglomeracións. Aínda que o Concello non ten capacidade de control sobre como será finalmente cada cacharela, sí apela ao sentido común e piden que se cumpra a normativa preventiva en vigor.
O Concello de Fene tamén comunicou a través dun bando a prohibición de facer cacharelas do San Xoán nas praias e en solo e espazos públicos de titulariedade municipal. O consistorio adoptou a medida para evitar as aglomeracións de persoas, reducindo deste xeito as posibilidades de contaxio do coronavirus. No mesmo bando indícase, porén, que si se autorizarán as luminarias tradicionais que se organicen en terreos particulares e, ademais, tamén se recorda a obriga de facer a correspondente comunicación previa antes das 14.00 horas do día 22 de xuño nos teléfonos 981 061 034 ou 671 508 166, no correo [email protected] ou entrando no sitio https://sede.fene.gal/opencms/gl/cita/
A prohibición atinxe a lumes, sardiñadas ou barbacoas en «solo público municipal, espazos de titulariedade municipal e praias durante a noite do 23 de xuño ao 24 de xuño», unha data na que o territorio se enchería de grandes e pequenas fogueiras que agora deberán quedar restrinxidas ao ámbito privado. O bando é tallante indicando que queda prohibido «realizar lume en solo rústico con calquera uso, así como en zonas próximas a terreos destas características que sexan susceptibles de causar un lume incontrolado». As cacharelas han de gardar unha distancia mínima de 50 metros con respecto a masas forestais ou matogueiras e recomendan non amorear grandes cantidades de combustible, cun máximo 2 metros de alto e 3 de diámetro.
Pola súa banda, o Concello de Narón tramitará a partir de hoxe luns, día 15, e por vía telefónica, as solicitudes para realizar fogueiras na noite de San Xoán en espazos privados do termo municipal. A alcaldesa, Marián Ferreiro, incidiu en que queda prohibida a realización de lumieiras en espazos públicos e que a afluencia máxima de persoas será dun total de 25. Para tramitar os permisos é preciso chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensión 1206) e comunicar o nome e apelido do solicitante, así como o seu número de DNI, como persoa responsable da fogueira, e tamén indicar a dirección de residencia e a ubicación na que se levará a cabo a lumieira.
O bando da alcaldía especifica, ademais, que non se poderán realizar fogueiras en establecementos con licencia de explotación con fins económicos, como por exemplo en recintos de establecementos de hostalería. As persoas que realicen as fogueiras deberán cumprir todas as indicacións establecidas para este tipo de actividades, mantendo a distancia de seguridade de alonxarse 50 metros de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos, e zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.
Así mesmo, as luminarias non poderán superar os cinco metros de altura e tres de diámetro; non se poden queimar residuos perigosos ou tóxicos; haberá que contar cun sistema de extinción axeitado e vixiala permanentemente ata a total extinción. No caso de que se rexistren rachas de vento será obrigatorio apagalas e ante posibles incidencias débese chamar aos números de teléfono 085 ou ao 112.
En Cerdido tamén está aberto o prazo para solicitar os permisos das fogueiras tanto de forma presencial no rexistro como a través da sede electrónica do Concello. Este ano, só está permitido realizar as luminarias en terreos privados e adoptando as medidas de precaución contraincendios e asumindo as normas de seguridade e hixiene por mor do coronavirus.
O resto de municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal adoptaron medidas similares que se poderán consultar nas páxinas web de cada un dos Concellos. En tódolos casos será necesario contar cun permiso municipal para realizar a fogueira e deberá solicitarse o día antes de San Xoan.