A rúa Magdalena converterase en peonil a partir de mañá, co inicio da segunda metade de xuño. Os viandantes poderán gozar tamén do tramo entre Rubalcava e Sánchez Barcaíztegui sen compartir o espazo cos vehículos. Esta medida, que se vén adoitando durante a tempada de verán, posibilitará, ademais, a instalación de terrazas aos negocios de hostalería situados nese tramo. Como novidade este ano, a concellería de Mobilidade e Urbanismo, que dirixe Julián Reina, engadiu ás peonalizacións estivais a rúa de Alonso López, en Canido. Trátase do tramo comprendido entre a praza do Cruceiro de Canido e o cruce con Muíño do Vento.
O edil responsable da área firmou esta mesma mañá un decreto que regula a peonalización entre mañá, 16 de xuño, e 30 de setembro, ambos inclusive, cando normalmente concluía a mediados de setembro. O documento recolle que se facilitará o acceso a residentes e os vehículos para facer labores de carga e descarga no horario no que as terrazas non estean colocadas. O tráfico rodado en dirección a Amboage
poderase facer pola rúa Sol.
Pola súa banda, o peche do tráfico rodado en Alonso López non xera maior prexuizo para os usuarios do entorno e o tráfico en xeral por existir alternativas á circulación, como son a rúa Poeta Pérez Parallé e as rúas Átocha e Riego. O decreto rubricado por Reina lembra que non se poderán colocar terrazas que
previamente non teña outorgada a correspondente autorización para a súa instalación.