O Concello de Ferrol, a través da concellería de Cultura vai executar traballos de limpeza e mantemento da cuberta e canalóns no centro cultural Torrente Ballester. Constatouse a existencia dun alto grado de humidade en algunhas das súas salas, un problema arrastrado ao longo dos últimos anos, polo que o equipo de goberno vén de encargar unha intervención que permitirá acondicionar os espazos interiores da sala expositiva.
Os traballos, cun importe de 2.913,85 euros, comezarán nos próximos días e incluirán a retirada manual dos materiais sólidos, vexetais ou animais que estean depositados nas cubertas, a súa limpeza e a eliminación da suciedade, incluso a base de auga a presión. Limparanse todos os elementos situados por encima da cara inferior dos aleiros e empregarase cepillo e xabón neutro onde sexa necesario. Tamén se
hixienizarán fiestras, portas, lucernarios, claraboias ou calquera elemento constructivo que supere a altura da cara inferior do aleiro de cuberta, caleiros, baixantes e arquetas a pé de baixante. Revisaranse as proteccións de desaugue e porase especial atención nas cubertas planas.
Do mesmo feito comprobarase o estado dos materiais que compoñen as cubertas e redes de evacuación de augas pluviais e realizaranse reparacións nos lugares onde sexan necesarias. Ademais, analizarase o estado da cuberta e recolleranse datos de futuras intervencións.