Un desfile de pantasmas recorrerá Cedeira polo Samaín

Será unha das moitas actividades das que poderán gozar os máis pequenos durante esta fin de semana
Arquivo - Desfile de pantasmas en Cedeira
Arquivo - Desfile de pantasmas en Cedeira
PUBLICIDAD

Cedeira ten todo preparado para celebrar un ano máis un auténtico Samaín. Esta tradición secular, que corría perigo de desaparecer baixo o influxo do Halloween, rexurde en Galicia grazas ao esforzo de Cedeira e outras vilas que teiman en celebrar a festa de difuntos como fixeron de sempre os nosos antergos, tallando caliveras e contando historias de medo. O Concello organizou nesta edición número trinta e dous, como é habitual coa colaboración da Asociación de Amigos do Samaín e outras entidades da localidade, o programa de actividades que se vai desenvolver o venres e o sábado, co punto álxido no pasarrúas de pantasmas que percorrerá o casco vello o segundo día a partir das 20.30h.

No paseo da Mariña instalaranse carpas para garantir o desenvolvemento das actividades ainda que chova. O venres a partir das cinco da tarde desenvolveranse un obradoiro de zonchos e outro de pintura. A dramaturga Carmen Conde ofrecerá a partir das 20.00 horas, xa ao lusco e fusco, un cursiño dirixido a nenos e nenas a partir de seis anos baixo o título “Quen ten cu ten medo”. A meiga aprenderá á rapazada a previr os medos cunha parte teórica, na que presentará á Santa Compaña, o Lobishome, a Meiga Chuchona, o Tardo e o Gatipedro, e outra práctica con xogos nos que a cativada aplicará os diferentes antídotos que os manterán a salvo dos diferentes monstros.

O programa do sábado desenvolverase tamén pola tarde, a partir das 17.00 horas. Baixo as carpas montarase a exposición de cabazas talladas, feitas nos obradoiros do día anterior e achegadas polas persoas que o desexen. Haberá tamén de novo obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado e unha Casa do Terror, así como unha “Merendola de Outono” con bola de azucre e requeixo. A partir das 20.30 horas comezará o pasarrúas das pantasmas polo casco vello de Cedeira, un desfile que sempre é ledo, barulleiro e cheo de humor.

No programa publicado polo Concello de Cedeira con motivo desta XXXII Festa do Samaín recórdase que o sentido da mesma é reivindicar a propia tradición, que existe desde hai séculos, e facer dela unha celebración familiar e integradora na que teñen cabida pequenos e maiores. Chámase á xente a celebrala como é tradición, tallando cabazas ou disfrazándose como pantasmas blancas ou coas caras pintadas, sen “contaminar” o Samaín con disfrazes ao estilo halloween.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.