Quizá Ferrol débelle un recoñecemento á figura de Timoteo O´Scanlan. Aos dous. Pai e fillo, irlandés emigrado a Ferrol o primeiro e ferrolán de nacemento o segundo, deixaron a súa pegada na historia da Armada Española por dúas razóns moi diferentes. O vello, por salvar centos de vidas grazas á aplicación da inoculación, precursora da vacinación, nunha das maiores epidemias de varíola da cidade. O mozo, pola redacción dunha das obras máis importantes do mundo naval en castelán, o “Dicionario Marítimo Español”. Timoteo O´Scanlan Murphy, naceu en 1723 en Newcastle (Limerick, Irlanda) no seo dunha familia católica. Á idade de 23 anos Timoteo trasladouse á cidade de París, onde primeiro estudou Humanidades no Colexio Irlandés, para en 1748 comezar os seus estudos de medicina na Universidade de Reims, obtendo o seu título de médico en 1754.
Tan só cinco anos antes, o 9 de abril de 1749, o rei Fernando VI e segundo a decisión do marqués da Enseada, secretario de Mariña, Facenda e Indias, mandara iniciar a construción do Real Estaleiro de Esteiro en Ferrol. Entre 1752 e 1754 construíronse en Ferrol os «Doce Apóstolos”, doce navíos de liña que aumentaron a actividade industrial da zona implicando un gran impulso á economía local así como á poboación da cidade, que aumentou considerablemente grazas aos habitantes chegados para traballar en diversos oficios necesarios para tal proxecto.
Foi nese escenario o que se atopou Timoteo cando en 1754 alistouse no rexemento de Hibernia, unha das diferentes unidades do exército borbónico chegada a Ferrol co fin de protexer a praza, onde exerceu a medicina ata 1766, ano no que tras a xubilación de Sebastián Creagh pasou a ocupar o posto de primeiro médico do Real Hospital da Mariña de Ferrol e protomédico do Departamento de Mariña de Ferrol.
Tres anos despois do seu nomeamento unha epidemia de varíola estaba a facer estragos entre a poboación de Galicia, especialmente en Ferrol e A Coruña, onde a taxa de mortalidade alcanzaba o 50%. A situación era tan crítica cas autoridades da cidade departamental pediron a O´Scanlan que fixese todo o posible por atallar a epidemia. O irlandés era un gran coñecedor das prácticas de inoculación máis modernas que se utilizaban en Londres ou París, así que decidiu poñelas en práctica en 1771 administrando á poboación sa o contido das pústulas pulverizadas e disoltas en auga dos casos de varíola máis benignos, un anticipo da futura vacina que Edward Jenner obtería en 1796. O traballo de Timoteo foi unha das primeiras inoculaciones documentadas en España.
A pesar de resultar un gran avance debido aos seus beneficios ao salvar centos de vidas, enfrontouse a grandes dificultades morais e relixiosas durante case vinte e cinco anos, ata o seu falecemento. Aínda así, O’Scanlan, como home de ciencia, publicou a súa loita contra a varíola nunha serie de traballos titulados “Práctica moderna da inoculación” (Madrid, 1784), “A inoculación vindicada” (Madrid, 1786) e “Ensaio apologético da inoculación” (Madrid, 1792).
En 1773 Timoteo O´Scanlan contraeu matrimonio en Madrid coa tamén irlandesa María Lacy. A parella instalouse en Ferrol, onde naceron os seus dous fillos, Timoteo e María, en 1774 e 1777 respectivamente, aos que inoculou con tan só un ano de idade. En 1778 deixou o seu posto no Real Hospital da Mariña de Ferrol e trasladouse coa súa familia á corte ao ser nomeado membro da Real Academia de Medicina de Madrid. Durante o sitio de Xibraltar de 1779, a última acción militar española para tentar facerse ca rocha, O´Scanlan foi nomeado médico consultor do Exército.

Durante esa campaña, coñeceu en persoa a Francisco Balmís, que 25 anos máis tarde protagonizou xunto coa enfermeira Isabel Zendal e 22 nenos a Real Expedición Filantrópica da Vacina, que deu a volta ao mundo entre 1803 e 1806 levando a vacina da varíola a todos os recunchos do Imperio español. Timoteo deixou o seu traballo de médico en 1783, dedicándose a partir dese momento a tarefas científicas de investigación e divulgación das súas técnicas de inoculación ata a súa morte en Madrid en 1795, á idade de 72 anos.
O seu fillo, Timoteo O´Scanlan Lacy, seguiu a carreira militar do mesmo xeito que o seu pai. Capitán de Fragata da Armada e enxeñeiro naval, casou en 1801 con Margarita Shelly en Ferrol antes de ser destinado en 1804 a Cartaxena. Cabaleiro Real e Militar da Orde de San Hermenegildo, Timoteo fillo escribiu dous libros relacionados co mundo naval. O primeiro, mentres estivo destinado como Capitán de Porto en Salou, titulado “Cartilla Práctica de Construción Naval”, foi publicado en Madrid en 1829. Tratábase dunha obra sobre a construción de veleiros, describindo cada unha das súas partes e a súa función, así como diferentes apéndices sobre arquitectura e construción naval para o uso dos principiantes neste ramo da Armada.
O segundo é unha das obras en castelán máis importantes sobre o mundo naval. A finais do século XVIII, Martín Fernández de Navarrete, político, intelectual e ilustrado español e coñecido como o “mariño historiador” recibiu o encargo de recuperar para o Estado a documentación máis relevante para a reconstrución da historia da mariña española, que plasmou na súa obra “Colección de los viages y descubrimientos que hicieron por mar los españoles desde fines del siglo XV: con varios documentos inéditos concernientes a la historia de la marina castellana y de los establecimientos españoles en Indias”, impresa pola Imprenta Real entre 1825 e 1837. Para iso, unha das actividades que realizou foi sacar copia de cantos glosarios ou vocabularios marítimos atopaba ao seu paso. Froito deste traballo solicitóuselle en 1827 publicar un dicionario de mariña que contivese a definición das voces máis usuais, así como a tradución das mesmas ao inglés e ao francés.

Ao mesmo tempo, Timoteo solicitou permiso para imprimir un vocabulario marítimo trilingüe que realizara, simplemente unha nomenclatura de voces náuticas en castelán con tradución ao inglés e francés pero sen definicións. Cando Martín Fernández de Navarrete coñeceu o traballo de O´Scanlan, fíxoo chamar a Madrid e puxo á súa disposición todos os dicionarios casteláns que posuía así como nove estranxeiros.
Baixo a supervisión do historiador naval e do Ministerio de Mariña, Timoteo elaborou un dicionario que incluía non só as voces técnicas de náutica, manobra, artillería, construción e táctica, senón tamén as das artes da pesca e as propias da contratación e comercio marítimo, incluíndo ademais a tradución das mesmas ao inglés, francés e italiano. A obra foi publicada na Imprenta Real de Madrid en 1831 co título de “Dicionario Marítimo Español”, figurando Martín Fernández de Navarrete como director do dicionario e Timoteo como o redactor principal, aínda que en posteriores reedicións de 1974 e 2003 a cuberta recoñece a Timoteo O´Scanlan Lacy como o verdadeiro autor da obra.