O Día de Peón reunirá a máis de 700 rapaces en Brión

A Carballeira de Santa Minia acolle este venres o acto central galego do Día do Peón, baixo a o lema "Polo San Martiño, peons ó camiño"
Imaxe de arquivo dunha celebración do Día do Peón | MELGA
Imaxe de arquivo dunha celebración do Día do Peón | MELGA

A Carballeira de Santa Minia, en Brión, acollerá este venres 11 de novembro ás 12:00 horas o acto central do XVI Día do Peón, que organiza Brinquedia, a Rede Galega do Xogo Tradicional. Baixo a lenda «Polo San Martiño, peóns ao camiño», preto de 700 rapaces e rapazas das escolas infantís dos Ánxeles e Sabaxáns, do CEIP de Pedrouzos e do IES Brión reuniranse na carballeira para facer un lanzamento colectivo de peóns e bailaretes.

O acto tamén contará cunha exhibición dun artesán torneiro e un magosto. O Manifesto do Día do Peón será lido por Lucho Penabade Outeiro, veciño de Brión e coñecido actor, director, guionista e membro do grupo de teatro “Os Quinquilláns”. Un acto no que estará acompañado polo alcalde de Brión, Pablo Lago, e pola concelleira de Cultura, Sandy Cebral.

Esta iniciativa busca normalizar o patrimonio lúdico na sociedade e, en particular, as buxainas entre a rapazada. Como en anteriores edicións, Brinquedia convida aos centros educativos, asociacións e persoas a que se fagan cun peón e o poñan a bailar conxuntamente este venres nun espazo público, subindo fotos ás redes sociais coa etiqueta #DíaDoPeón2022.

Cartel do acto central do Día do Peón en Brión | BRINQUEDIA

O Día do Peón chega este ano a Brión despois de pasar en edicións anteriores por municipios como Santiago, Ferrol, Melide, Carnota, Outes, Noia, Ourense, Manzaneda ou Pontevedra. A convocatoria volve traspasar fronteiras galegas ata Euskadi, concretamente á Ikastola Alkartu de Barakaldo co XIV ziba eguna.

Entre as actividades a realizar destacan a visita de Marco Palma, profesional do trompo mexicano que ofrecerá exhibicións toda esta semana en diferentes espazos; e a cita co Centro Galego Bizkaia cun magosto. Ademais, este ano, a iniciativa do profesor e experto en xogos tradicionais Joseba González Porras pretende recadar fondos para a Cuadri del Hospi, asociación benéfica que axuda á investigación e benestar das familias de menores con cancro.

Entre as próximas accións de Brinquedia a realizar para normalizar o patrimonio lúdico atópase a solicitude á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de incluír o 11 de novembro como Día do Peón entre as conmemoracións do calendario escolar do curso 2023/24. Brinquedia naceu o 27 de marzo de 2005 logo da Asemblea Fundacional realizada na Casa da Cultura de Riotorto (Lugo) para promover o xogo tradicional galego. Está formada por persoas físicas e xurídicas con interese no patrimonio lúdico.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.