O pleno municipal do Concello de Pontedeume aprobou onte por unanimidade a suspensión da ordenanza reguladora do cobro da taxa de terrazas que abonan os hostaleiros ata o ano 2021, polo que non se cobrará este ano 2020.
Ademais, con respecto ao cobro das taxas do ano 2019, que estaba aprazado ata abril, o Concello volveu retrasar o pago ata o último cuatrimestre do ano e permitirá facelo de forma fraccionada.
O Grupo de Goberno local toma estas medidas para axudar a un dos sectores máis afectados pola crise do coronavirus, agradecendo o apoio do conxunto da corporación.
Esta iniciativa únese a outras das últimas semanas, como a liña de axudas aos profesionais autónomos por importe de 50.000 euros. Son unhas achegas coas que se pretende complementar ás que poidan habilitar outras administracións, a fin de evitar duplicidades e facilitar o acceso de todos os sectores perxudicados ao maior número de fondos.
O Concello de Pontedeume estudou tamén caso por caso a posibilidade de ampliar durante os próximos meses a superficie das terrazas nos establecementos de hostalería onde é factible dadas as características do espazo, así como o tránsito de peóns.