O Concello de Pontedeume realizará tres obras de mellora en diferentes viais e camiños das parroquias do municipio. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 21 de xullo para presentar as súas ofertas.
Aínda que os proxectos son do concello, a licitación dos traballos corresponde á Deputación da Coruña, froito do convenio de colaboración asinado recentemente polo concello para delegar na institución provincial estes procedementos administrativos.
Unha das obras é a pavimentación da avenida Castelao no Olmo. Esta actuación consistirá no aglomerado de toda a plataforma deste tramo da antiga estrada nacional que dá acceso ao Olmo e á zona de Bellavista, cun investimento de 76.114,05 euros.
Os traballos no Olmo dan continuidade ás rematadas no pasado mes de febreiro en sete rúas transversais da urbanización, unha actuación centrada na renovación do firme e o pintado das prazas de aparcadoiro, ademais da intalación de barandas en varias escaleiras.
Por outra parte, o concello saca a licitación o condicionamiento e aglomerado dos viais da Herbosa (Boebre) e A Graña (Nogueirosa), cun investimento de 51.729,82 euros, e a pavimentación do Camiño Vello na parroquia de Vilar, cun investimento de 49.439,16 euros.
“Desde o ano 2015, é unha prioridade para o noso grupo de goberno a renovación e mellora da rede de viais e camiños, tanto no centro urbano como nas parroquias, e as tres obras dan continuidade a este plan integral”, afirma Daniel Ríos, concelleiro de Obras do Concello de Pontedeume.