As empresas e traballadores autónomos que se visen obrigados ao peche ou cese de actividade, así como mermada a súa actividade ou produción nun 70% a raíz do estado de alarma imposto polo COVID-19 poderán solicitar a partir de mañá, 1 de xullo, e ata o día 10 do mesmo mes, unha exención do pago da tasa do servizo de recollida do lixo por ese espazo de tempo.
Para poder optar a axuda deberán cubrir unha ficha que pode descargarse da web municipal www.concellodevaldovino.com e presentala no Rexistro Municipal da casa consistorial ou a través da sede electrónica.
Trátase dunha iniciativa paliativa e que se suma a outras en marcha como os descontos aplicados por Viaqua no recibo da auga ou o Plan Mellora, de formación e acceso ao emprego.