A comisión de avaliación do Plan de Mellora da Empregabilidade (PAME-Ferrol), informou hoxe que tras revisar as 1.376 solicitudes que se presentaron para a obtención destas axudas a autónomos e pequenas empresas afectados pola crise da covid-19, un total de 368 delas están completas.
As outras 882 deben ser emendadas, xa que os solicitantes non presentaron toda a documentación requirida ou teñen pendente algún trámite. Só se rexeitaron 126, un 9 % do total, por incumprir as condicións contempladas na convocatoria.
Estímase que dos 2 millóns de euros consignados para esta subvención cubriranse arredor de 1,9 millóns. Dentro das 368 que xa están completas, o importe máximo acadado por unha axuda, ata o momento, é de 4.160 euros. Logo da reunión, a edil de Emprego e Promoción Económica, María Teresa Deus, mostrouse confiada en que as primeiras axudas poderán comezar a pagarse “dentro deste mesmo mes”, o que supón ir cubrindo os prazos previstos no momento da convocatoria.
Período de gracia
O próximo luns publicarase na páxina web municipal e no taboleiro de anuncios do Concello o listado provisional. Ese mesmo día abrirase un período de cinco días para que aqueles solicitantes que deban subsanar así o fagan. En canto cumpran este trámite correctamente e presentando toda a documentación que aínda teñen pendente, pasarán a constar como solicitudes completas.
As cuestións máis frecuentes neste eido son a falta de copias de DNI ou CIF de representante, de documento bancario selado pola entidade ou non ter actualizado o réxime especial de traballadores autónomos (RETA). Logo deste período, publicarase o listado definitivo de solicitudes aprobadas.
Entre as causas máis habituais das 126 denegacións atópanse ter o domicilio fiscal e o local fóra de Ferrol, superar a porcentaxe de redución de facturación, as débedas pendentes coa Administración local ou non estar dado de alta no réxime da Seguridade Social ou na Mutua Profesional e en Facenda.