As obras de ampliación da estrada de Pazos motivou unha nova distribución do tráfico que se puxo en marcha esta mesma mañá e que supón o corte da circulación desde a intersección da estrada Aldea de Pazos coa estrada de Covas CP-3603 ata o cruce da propia estrada de Pazos con Doctor Baldomero Beceiro.
O obxectivo é limitar o acceso á zona de obra exclusivamente a persoas residentes ou propietarios. Os carteis do itinerario alternativo están en ditas interseccións desde a semana pasada para que os usuarios poidan consultalos. A duración do corte será dun máximo de catro meses e poderá reducirse dependendo da execución das obras. Con motivo dos traballos de pavimentación da estrada ou outras actuacións, a vía poderá sufrir cortes temporais que se informarán con anterioridade.
Ampliación da estrada
O contrato das obras, que executa a empresa Copcisa S.A., firmouse o pasado 10 de febreiro por un importe é de 396.911,84 euros. As actuacións contempladas no proxecto consisten na mellora da mobilidade peonil e a seguridade viaria nun tramo de 540 metros, entre o cruce coa DP-3603 e a ponte sobre o río da Sardiña.
Ampliarase a plataforma actual da estrada dotándoa dun espacio diferenciado e seguro para o tránsito peonil pola marxe esquerda e proverase de servizos enterrados baixo a beirarrúa para substituír o entramado aéreo actual. Tamén se renovarán o mobiliario urbano e o alumeado, instalarase unha varanda para a protección dos viandantes e colocaranse novas marcas de sinalización viaria lonxitudinal e transversal.
A intervención na estrada de Pazos, nesta primeira fase, inclúe tamén a ampliación da mencionada ponte, unha construción de formigón armado que se ancheará con materiais similares e respectando o curso de auga. A sección hidráulica será mellorada con respecto á actual pasando de 1,46 metros de altura útil a case 1,48-1,50 e mantendo intacta a canle.