Os maiores de Ferrol teñen máis de vinte plans de ocio ata xuño

‘Ferrolearte+60’ inclúe visitas guiadas, charlas-coloquio, cinefórum, cafés literarios, showcookings, obradoiros dixitais e de creación artística e un monólogo en diferentes espazos repartidos por varios barrios da cidade
Arquivo - Ruta polo castelo de San Felipe
Arquivo - Ruta polo castelo de San Felipe

Ferrol quérese convertir nun lugar amigable coa xente maior e por iso o goberno local ven apostando por programas de inclusión social e cultural para os veciños de máis idade. O último deles foi presentado hoxe baixo o nome de ‘Ferrolearte+60’, unha iniciativa que inclúe máis dunha vintena de propostas entre febreiro e xuño. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, xunto co alcalde, Ángel Mato, deu a coñecer os detalles da iniciativa esta mañá.

‘Ferrolearte+60’ propón para os maiores de 60 anos de Ferrol participar nun programa que combina cultura, o entretemento e a formación para maiores “nun ambicioso plan”, apuntou o alcalde, que pretende “contribuír á mellora da calidade de vida e benestar dos nosos maiores”. Haberá visitas guiadas, charlas-coloquio, cinefórum, cafés literarios, showcookings, obradoiros dixitais e de creación artística e un monólogo en diferentes espazos repartidos por varios barrios da cidade. Pola súa banda, Martínez Montero indicou que “existe unha demanda por parte de persoas maiores que teñen ganas de participar en iniciativas deste tipo, vencelladas coa cultura, o ocio ou a actividade física”.

‘Ferrolearte+60’ retoma as visitas guiadas que tanto éxito tiveron nas últimas convocatorias, cun total de sete: Teatro Jofre, Capitanía Marítima, Ruta Cofrade, Cocina Económica, Porto exterior, estatuas e placas do barrio da Magdalena e, por último, Cuartel de Dolores.  Tamén se celebrarán cinco charlas-coloquio sobre temas de interese e en distintos emprazamentos contando como conferenciantes o físico e divulgador Jorge Mira —que explicará ‘A que altura está o ceo’ e outras curiosidades sobre o Universo—, o xornalista Man Castro —que falará nunha xornada da científica ferrolá Ángeles Alvariño, sobre a que acaba de publicar un libro, e noutra sobre o Ferrol dos anos 70 e 80 e a súa visión como xornalista— e a historiadora Pilar Freire, con outras dúas charlas sobre Rodolfo Ucha e o Modernismo e sobre o patrimonio ferrolán perdido.
O programa tamén inclúe catro cafés literarios conducidos pola profesora Pilar Blanco Vidal, que se celebrarán en cafeterías de distintos barrios da cidade, comezando por Ultramar —onde se desenvolverá o primeiro, no establecemento Monterrey, e continuando polo centro, no café Avenida—, Esteiro e Ferrol Vello. Esta actividade, que non precisas de ningún coñecemento previo, consistirá na lectura e comentario de varios textos breves de diferentes autores e dará a oportunidade de compartir un momento de ocio cultural acompañado dun ágape nos diferentes locais.
 
O ciclo inclúe tres talleres tecnolóxicos: sobre competencias dixitais básicas (correo electrónico, xestións diante da Administración ou lectura de códigos QR), fotografía con móbil e de fake news, que axudará ás persoas maiores a aplicar determinados filtros coa información que reciben por medios dixitais. No apartado de cinefórum proxectaranse nos cines Dúplex dúas comedias dramáticas que tocan temas de interese xeral, en concreto ‘Greenbook’, de Peter Farrelly e protagonizada por Viggo Mortensen, e ‘La odisea de los giles’, de Sebastián Borensztein e con Ricardo Darín como cabeza de cartel.
‘Ferrolearte+6’ dedicará dous días á cociña a través de shwookings, coa elaboración de receitas saudables pero saborosas e pensadas para poucos comensais. O obxectivo é animalos a non prescindir de determinados pratos por esta circunstancia.  Finalmente haberá un monólogo do humorista ferrolán Pepo Suevos, que falará sobre ‘A segunda idade e media’, e un taller creativo para que as persoas participantes descubran o artista que levan dentro.
Aquí pódese consultar o calendario de actividades completo:
  • 23 de febreiro. Café literario na cafetaría Monterrey do barrio de Ultramar. Ás 19.30 horas.
  • 25 de febreiro. Visita guiada ao Teatro Jofre. Ás 12.00 horas.
  • 28 de febreiro. Conferencia de Pilar Freire sobre o Modernismo e Rodolfo Ucha. No Centro de Maiores da rúa Río Xuvia ás 19.00 horas.
  • 4 de marzo. Visita guiada á Capitanía Xeral. Ás 11.00 horas.
  • 10 de marzo. Conferencia de Man Castro sobre Ángeles Alvariño. No centro cívico de Canido ás 19.30 horas.
  • 16 de marzo. Obradoiro de fotografía con móbil. Local da Asociación de Veciños Val de Esmelle. Ás 17.00 horas.
  • 18 de marzo. Showcooking. Mercado A Magdalena. Ás 12.00 horas.
  • 25 de marzo. Cinefórum ‘GreenBook’, con coloquio posterior coa participación de Pilar Freire. Cines Dúplex. Ás 12.00 horas.
  • 28 de marzo. Café literario no café Avenida da praza de España. Hora por definir.
  • 1 de abril. Ruta Cofrade, guiada polo presidente da Xunta Xeral de Confrarías e Irmandades da Semana Santa de Ferrol, César Carreño. Ás 11.00 horas.
  • 13 de abril. Obradoiro Fake-News. Centro cívico de Caranza. Ás 17.00 horas.
  • 15 de abril. Visita guiada á Cociña Económica. Ás 11.00 horas.
  • 20 de abril. Charla coloquio de Jorge Mira: “A que altura está o ceo”. Centro cívico de Caranza. Ás 19.00 horas.
  • 25 de abril. Café literario no barrio de Esteiro.
  • 28 de abril. Visita guiada ao Porto exterior. Saída en autobús desde o edificio da Autoridade Portuaria ás 11.30 horas.
  • 4 de maio. Obradoiro sobre competencias dixitais básicas. Biblioteca municipal. Ás 17.00 horas.
  • 10 de maio. Monólogo “A segunda idade e media”, con Pepo Suevos. No centro cívico de Caranza. Ás 20.00 horas.
  • 13 de maio. Percorrido polas placas e estatuas do centro de Ferrol. Ás 11.00 horas.
  • 16 de maio. Charla-coloquio sobre o patrimonio ferrolán perdido, a cargo de Pilar Freire. Na capela do Torrente Ballester 19.30 horas.
  • 26 de maio. Showcooking. Mercado A Magdalena. Ás 12.00 horas.
  • 27 de maio. Cinefórum ‘La odisea de los giles’, con coloquio posterior coa participación de Pilar Freire. Cines Dúplex. Ás 12.00 horas.
  • 30 de maio. Café literario no barrio de Ferrol Vello. 1 de xuño. Taller de creación artística. No centro cívico de Canido. Ás 17.00 horas.
  • 10 de xuño. Visita guiada ao Cuartel de Dolores. 15 de xuño. Charla-coloquio de Man Castro sobre Ferrol nos anos 70 e 80. No centro cívico de Caranza ás 19.30 horas.

Nas actividades poderán participar todas as persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ferrol. Compre preinscrición para todas elas e, para algunhas, tamén estarán limitadas as prazas. O número de teléfono ao que haberá que confirmar asistencia será o 631 683 070 (de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas).

Non se aceptarán mensaxes nin WhatsApp. A inscrición poderá realizarase exclusivamente para as actividades de cada mes e quedará aberto mañá venres para as de febreiro. Pola súa banda, o día 27 de febreiro abrirase o prazo para as de marzo e a continuación cada día 27 de mes abrirase o prazo para anotarse ás actividades do seguinte mes.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.