As Pontes acolle o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo en augas pechadas

Durante o sábado e o domingo preto de 200 deportista participarán nas probas
26745538_digital_art_x4

A piscina municipal das Pontes acollerá durante esta fin de semana o campionato galego, nas categorías alevín, infantil, xuvenil e cadete, de salvamento e socorrismo en augas pechadas, organizado pola Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia en colaboración co Concello das Pontes. Durante o sábado e o domingo, preto de 200 deportistas procedentes dos mellores clubs de Galicia, entre os que se atopan o Club Salvamento Acuático Laracha, Club Natación y Salvamento A Estrada, Club Salvamento Arteixo, Club Salvamento Vilagarcía, Club Acuático Umia ou o Club Natación Cerceda, competirán en probas como 200 metros obstáculos, 100 metros arrastre maniquí, lanzamento de corda ou 100 metros socorrista co obxectivo de acadar o maior número de puntos en cada unha delas e alzarse cos títulos do campionato galego.

A cita dará comezo o sábado, 25 de febreiro, ás 10:00 horas coa probas de natación con obstáculos, tanto da categoría infantil como alevín, para a continuación, dar paso á proba de 100 metros socorrista e á proba de relevos 4X50m de natación con aletas e socorrista mixto. Na queda da tarde, a competición comezará ás 16:30 horas, coas probas de remolque de maniquí con aletas, o relevo combinado 4X50m, o remolque con maniquí e os relevos 4×12,5m e 4x25m de remolque con maniquí. A xornada finalizará ás 20:00 horas coa entrega de trofeos e medallas.

O campionato continuará o domingo, co campionato galego das categorías cadete e xuvenil. A xornada arrancará ás 09:30 horas, coas probas de natación con obstáculos, continuará co lanzamento de corda e rematará coas probas de remolque de maniquí con aletas e os relevos 4x25m e 4x50m de remolque con maniquí e natación con aletas. A proba de 50 metros remolque de maniquí será a ultima proba da xornada tras a que se procederá a entrega de premios.

Desde o Concello convídase a toda a veciñanza a achegarse esta fin de semana á piscina municipal para gozar de dúas magníficas xornadas deportivas e das promesas dun deporte espectacular, aínda que pouco coñecido, remarcando a importancia que este tipo de eventos ten para a vila.

“Para nós é un orgullo albergar este tipo de eventos. Desde hai moitos anos procuramos promover e tratar de organizar eventos deportivos que poñan ao municipio no mapa e sexan punteiros, non só desde o punto deportivo senón tamén desde o punto do vista da promoción turística e económica. A nosa vontade é continuar na mesma liña” apunta o concelleiro de Deportes, Chicho Tembrás. Así mesmo, o concelleiro recordou que durante a xornada do sábado a piscina e o ximnasio permanecerán pechados para o uso xeral, quedado só aberta a instalación deportiva municipal para a competición e pediu desculpas ás persoas usuarias polas molestias que este peche puidese ocasionar.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.