O Concello de Ferrol vén de deseñar un novo programa de dinamización e socialización dirixido neste caso á veciñanza da zona rural. A proposta «Ferrol en ruta» inclúe un abanico de excursións de balde organizadas coa agrupación de asociacións veciñais da zona rural. Trátase dunha iniciativa froito da colaboración entre as concellerías de Patrimonio Histórico, que dirixe Eva Martínez Montero, e a de Medio Rural, da que é titular Ana Lamas.
As excursións desenvolveranse durante o mes de marzo. O día 17 visitarase a Porta do Dique e os Museos Naval e da Construción Naval. A saída será ás 10:00 horas e haberá unha parada no Centro de Saúde de Serantes ás 10:30 horas. A visita comezará ás 11:00 horas.
O día 24 de marzo percorrerase o Arsenal militar. A saída será ás 10:00 horas desde o local social de San Xurxo con parada no Centro de Saúde de Serantes ás 10:30 horas. A visita comezará ás 11:00 horas.
Por último, o día 31 de marzo visitarse o Cuartel de Dolores e Fontelonga. A saída está programada para as 16:00 horas desde o aparcamento localizado na praia de Outeiro-Doniños con parada no Centro de Saúde de Serantes ás 16:30 horas. As visitas comezarán ás 17:00 horas.
Haberá 40 prazas para cada unha das excursións. A inscrición pode facerse a partir do día 1 de marzo a través das asociacións de veciños da zona rural.