Roi Rigueira será o candidato socialista á alcaldía de Taboada, por segunda vez consecutiva. Hai que lembrar que nas pasadas eleccións municipais, cando concorreu por primeira vez a esta convocatoria, estivo a piques de acadar o bastón de mando xa que só o separaron 14 votos da Alcaldía.
O candidato sinala que se presenta a esta nova cita electoral agradecendo a confianza de toda a agrupación socialista de Taboada. “Na pasada convocatoria estivemos preto de conseguir un cambio histórico no Concello, cun goberno de progreso na nosa vila. Por iso, estou seguro que desta volta imos acadar un bó resultado para sacar a Taboada da parálise na que se atopa, a tódolos niveis. Ademais, acompáñanme un bo equipo de xente, e temos cun gran proxecto para o futuro do Concello”, remarcou.
Roi Rigueira Agromartín, nacido en Taboada en 1987, estudou Dirección de Empresas na Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén ten un Master en Estratexia Dixital, así como diversos cursos de internalización e de comercio exterior. Ademais de exercer concelleiro do PSdeG, forma parte do Taboada CF onde é porteiro, experto en seguros, ciclista, apicultor afeccionado, escritor e, como el presume sempre, pai dunha nena de 3 anos.
O voceiro socialista converteuse recentemente en autor, xa que ven de publicar o libro, ‘Taboada. Guía dos seus elementos máis sobranceiros’, unha publicación na que descubre e percorre as terras da súa vila natal, outras das súas grandes afeccións. Esta obra serviulle para reivindicar o turismo relacionado coa belezas naturais e as paisaxes e de todo o entorno de Taboada.