A Panadaría representará en Valdoviño a súa última montaxe, «As que limpan». A función chega ao noso municipio da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña, e está programada para este venres 17 de marzo ás 20:30 horas. As entradas son gratuítas e poden retirarse dende hoxe na Casa da Cultura (de 10:00 a 14:00 horas). Reservarase unha parte dos convites para o seu reparto dende unha hora antes do inicio da obra.
Escrita, dirixida e interpretada por Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, As que limpan» é unha creación de A Panadaría coproducida co Centro Dramático Nacional. A obra fala das camareiras de piso dos hoteis, mulleres invisibilizadas que carretan ao lombo un sistema turístico que precariza o seu traballo e da súa loita por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras.
A Panadaría está integrada por Areta, Noelia e Ailén. Fundan a compañía no ano 2013 co espectáculo «PAN!PAN!» co que gañan o Premio da Crítica Galicia 2015, ademais dun Premio María Casares de interpretación para Areta Bolado e o Premio Xuventude Crea. Coa súa segunda montaxe, Panamericana, confírmase a liña de traballo da compañía: o artesanal vencellado a corpo e voz das actrices, a teatralidade evidenciada que pon o acento no lúdico, a música vocal e unha ollada feminista e irreverente.