O retraso na presentación da candidatura ás eleccións municipais do 28 de maio na cidade de Lugo está provocando malestar en certos sectores do PP e preocupación polas dificultades da candidata, Elena Candia, para conformar a lista. O PSOE e o BNG xa presentaron as súas candidaturas, mentres que a aspirante popular á Alcaldía lucense aínda non desvelou o seu equipo, nin sequera os postos principais, cando faltan tres semanas para que remate o prazo oficial para rexistrar as listas no Xulgado.
Os problemas de Elena Candia para configurar un equipo repítense, pois, para sorpresa de toda a militancia popular, do congreso provincial do PP celebrado en setembro do ano 2021, só saíu o seu nome como presidenta, pero non o do comité executivo, que non deu a coñecer ata varias semanas despois.
A estas alturas, a candidata popular só deu a coñecer dous nomes (Ramón Cabarcos e Manuel Cortón), sen concretar o posto, ademais de prometer un alto cargo de dirección municipal a un ex socialista, o que incrementa o malestar nas filas populares, nas que xa se alzan voces apelando á suficiente valía de moitas persoas afiliadas ou afíns ao PP sen ter que recorrer a nomes externos.
O retraso na elección de executiva provincial do PP interpretouse no seu momento como un síntoma das desavenencias xurdidas entre diferentes sectores do partido e, dun xeito especial, entre a nova presidenta e José Manuel Balseiro, peso pesado popular e presidente provincial do partido ata o ano 2016. Balseiro foi reincorporado en outubro de 2021 á executiva de Candia como coordinador xeral e portavoz, despois dun mes de desencontros que, segundo algunhas fontes, tivo que pechar o propio Núñez Feijóo nunha taxante conversa de corredor coa presidenta popular. Estas liortas de nomes parecen estar detrás tamén do atraso na presentación da lista municipal, pois a candidata do PP teríalle ofrecido ir de número dous a varias persoas.
Entre estes nomes destaca o de Enrique Rozas. Hai uns meses houbo unha campaña, moi activa en redes sociais, que impulsaba a Quique Rozas como candidato á alcaldía de Lugo. Segundo distintas fontes do partido e do entorno de Rozas, Elena Candia teríalle ofrecido o posto número 2 da lista, a cambio de que poder ser ela mesma a candidata. Para esas mesmas fontes, a recente actividade na cidade de Quique Rozas, desenvolvendo a súa propia axenda de campaña, respondería ó seu malestar ante o feito de que Elena Candia lle tería feito ese mesmo ofrecemento do número 2 a outras persoas.
Así mesmo, Elena Candia estaría sopesando incluír na lista a persoas vencelladas ó movemento veciñal, como Flora Rubinos Rois, unha das súas mans dereitas, e prima de Fernando Rois, apoio de Candia na Federación de Asociacións de Veciños que preside Jesús Vázquez. Segundo comentan dende a Asociación, o traballo de Flora nas parroquias rurais – ela pertence á de Muxa – xera tantas fobias como filias, o que estaría facendo dubidar a Elena Candia da súa incorporación.
Tamén estaría a ter dificultades a candidata á hora de incorporar a persoas vencelladas á sanidade. As queixas constantes sobre a situación da atención primaria e a pediatría na provincia, e as críticas á xestión desenvolvida polo Sergas e a Consellería de Sanidade, fan que os profesionais sanitarios lucenses sexan reticentes a formar parte dunha lista popular.
Entre os nomes esquecidos, ou que foron perdendo forza, destaca o do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias. Nas datas seguintes ó seu nomeamento, Arias foi obxecto dunha campaña de promoción mediática que trataba de poñer en valor a súa xuventude e un perfil de tecnócrata moi similar ó que se estila nos despachos de San Caetano. O seu nome chegou a soar mesmo como candidato á alcaldía, pero foi perdendo fol conforme ó paso do tempo. Habitual nas fotos dos actos do Partido Popular na provincia, o seu peso político vén quedando relegado polas declaracións dos conselleiros, e mesmo protagonizou un incidente coa secretaria de organización dos socialistas na provincia e voceira da Deputación, Pilar García Porto, á que se dirixiu con comentarios machistas nunha reunión do Consorcio de bombeiros.
Tampouco parece claro cal vai ser o futuro na lista de Candia dos actuais portavoces e concelleiros do PP no consistorio lucense, ninguneados pola política mindoniense dende un principio. Dentro do partido dáse como segura a continuidade de Mar Carballal, a pesar da súa menor experiencia, e non se sabe se continuará, e en que papel, o actual viceportavoz, Antonio Ameijide.
Algún militante veterano lembra que xa no 2019 Ramón Carballo tivo problemas para facer a súa lista, e o descoñecemento da cidade por parte da agora candidata, que aínda compatibiliza a vicepresidencia primeira do Parlamento de Galicia coa súa aspiración á alcaldía lucense, dificulta o proceso. En calquera caso, Elena Candia sigue a facer campaña en solitario, solapando os actos como vicepresidenta do Parlamento cos da campaña electoral en Lugo. Mentres, a conta atrás para a presentación das listas segue correndo, sen que a candidata popular desvele cales van ser os nomes claves do seu equipo.