Moeche acollerá en 2024 a primeira Feira de queixos artesanais de España

"Para nós é unha honra e un recoñecemento ao traballo que estamos facendo desde Moeche apostando polo queixo como un produto estratéxico para o rural", dixo a alcaldesa Beatriz Bascoy
Feira do Queixo de Moeche | CÉSAR GALDO
Feira do Queixo de Moeche | CÉSAR GALDO

O concello de Moeche viviu na xornada deste domingo un regreso da Feira do Queixo por todo o alto. Despois de tres anos de parón por causa da pandemia, a cita celebrou a súa quinta edición na compaña do bo tempo e dunha afluencia constante de público desde media mañá que superou as mellores expectativas en canto a asistencia e, segundo as queixarías, tamén en canto a vendas. Tal foi así que o Tren do Queixo veu desde Ferrol cheo de xente -mesmo fixo falta fletar un bus máis grande para trasladala desde a estación até o recinto feiral-, completáronse rapidamente as reservas para as catas comentadas e as visitas guiadas á Fusquenlla e ao castelo foron todo un éxito.

A Feira do Queixo confirmouse  como un dos eventos de referencia do sector en Galicia e no norte do Estado, ademais de consolidarse como escaparate da calidade e da variedade como claves do seu futuro. Neste sentido, a maiores do éxito de público e vendas, a feira deixa como titular o anuncio de que Moeche será sede en 2024 da I Feira de queixos artesanais de España organizada por QUERED, a Rede Española de Queixarías de Campo e Artesanas. O colectivo propuxo o nome de Moeche na súa asemblea celebrada en Cáceres a principios de marzo e onte mesmo, aproveitando o encontro profesional de queixarías que tivo lugar na nave do Mercado a primeira hora da tarde, comunicóuselle oficialmente aos expositores participantes na V Feira do Queixo, co obxectivo de iniciar os preparativos dun encontro que reunirá en San Ramón «un grande número de queixarías de toda España», avanzou a alcaldesa.

Beatriz Bascoy expresou a súa satisfacción porque o concello «sexa anfitrión, coincidindo coa VI Feira do Queixo, da primeira cita sectorial promovida pola asociación de pequenas queixarías máis importante do Estado. Para nós é unha honra e un recoñecemento ao traballo que estamos facendo desde Moeche apostando polo queixo como un produto estratéxico para o rural».

A rexedora tamén comentou, porén, que recibir a I Feira de Queixos artesanais de España «vai supoñer tamén unha grande responsabilidade e un reto que nos obrigará a traballar duro nos próximos 365 días buscando apoio loxístico e económico». «Vai ser unha grande oportunidade para promocionar o noso territorio e os nosos queixos que, estou segura, imos organizar con éxito gracias á axuda das queixarías locais, das asociacións e das persoas que nos últimos anos levan apostado tanto pola nosa feira», asegurou a alcaldesa.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.