O festival internacional Jazz ao Norte, que organiza o Concello de Ferrol, celebrarase este ano do 13 ao 15 de xullo, tal como anunciara o alcalde, Ángel Mato, o pasado xaneiro no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur). Esta mañá deuse a coñecer un avance do cartel e a data na que sairán á venda os abonos para os tres concertos, a 16 euros, que será o vindeiro 14 de abril. Poderán adquirirse a partir das 12.00 horas a través da páxina web entradasatualcance.com. Con posterioridade sairán á venda as entradas para cada concerto, a 10 euros. Nunhas semanas confirmarase o resto do cartel musical, polo que xa pasaron artistas de renome como José James, Luísa Sobral, Andrea Motis, Hannah Williams, Chano Domínguez ou Nouvelle Vague.
Na presentación de hoxe participaron o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, e o produtor executivo de Jazz ao Norte, Carlos Montilla, que desvelaron o nome das primeiras artistas incluídas no cartel desta terceira edición: a cantante e compositora francesa Awa Ly, que ten tres álbums de estudo (“Modulated”, “Five and a Feather” e “Safe and Sound”), e a violonchelista viguesa Margarida Mariño, quen ten unha ampla traxectoria musical ás súas costas e en 2020 presentou o seu primeiro traballo en solitario, “Cello&Electronics”, no que fusiona o violonchelo clásico con pedais de efectos, voces, loops e electrónica.
Jazz Ao Norte é un encontro arredor da música jazz, soul e bossa nova, que permite gozar de algúns enclaves destacados do patrimonio ferrolá, como o Castelo de San Felipe, que repite como escenario este ano e ao que o publico poderá acceder de novo a través dos barcos habilitados dende o porto de Curuxeiras. Na edición deste ano incorpórase o Arquivo Intermedio Militar do Noroeste, no baluarte do Infante, como novo espazo confirmado grazas á colaboración do Exército. Próximamente confirmáranse novos escenarios e actividades paralelas que se levarán a cabo durante a fin de semana.