O Concello de Ferrol ten proxectado destinar 48.316,59 euros á ampliación da área de xogo infantil próxima á parcela do local social de Covas. Os novos elementos de xogo sumaranse aos xa existentes, entre os que se atopan tobogáns, un resorte e varios balancíns. A intervención tamén contempla un novo peche do parque infantil con valo de madeira de pino silvestre. O prazo que se estima necesario para realizar a totalidade das obras é de tres meses.
Deste modo, ampliarase a superficie do parque a base de novo chan amortecedor con debuxos e coa instalación de máis xogos, como catro bambáns (dous para bebés) e unha cesta inclusiva, para nenos de entre 0 e 14 anos. Tamén está prevista unha tirolina de acero galvanizado de ao menos 18 metros de percorrido para nenos de entre 4 e 14 anos e con capacidade para dous usuarios.