A Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, entidade integrada polo Concello de Ferrol e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Ferrol e Comarcas, organiza para a última semana de abril e a segunda semana de maio tres formacións gratuítas dirixidas ao sector empresarial e aos profesionais dos sectores do turismo, a cultura, o comercio e o lecer do municipio. Estas formacións organízanse atendendo a unha demanda dos empresarios de Ferrol participantes na Mesa de Calidade Turística do proxecto SICTED en 2022, proxecto que se desenvolve en Ferrol coa colaboración da Deputación provincial da Coruña, dentro do seu programa de subvencións á Mellora da Calidade Turística dos Destinos.
En concreto, trátase de dous cursos curtos, de 9 horas de duración cada un, e dunha charla/conferencia titulada ‘Técnicas infalibles para atraer (e reter) clientes ao teu negocio’, que pechará o programa formativo a tarde do próximo día 11 de maio.
O primeiro dos cursos, ‘Creación de experiencias turísticas e desenvolvemento de novos produtos/servizos’ desenvolverase os días 24, 25 e 26 de abril, en horario de 17:30 a 20:30 horas no hotel Carrís Almirante. A formadora será Alejandra Touza, diplomada en Turismo e CEO da consultora Ponlle Cara ao Turismo, empresa galega especializada en creación de produtos turísticos desde unha perspectiva local.
O obxectivo deste curso de ‘Creación de experiencias turísticas’ é entregar aos empresarios participantes os coñecementos, ferramentas e orientacións prácticas para deseñar experiencias turísticas de maior calidade, atractivo e diversidade, contribuíndo así a mellorar a oferta turística de Ferrol. A inscrición a este curso está xa aberta e os interesados deberán enviar un email co seu nome e o nome, actividade e dirección da súa empresa a [email protected] -o prazo termina o día 24 ás 14:00 horas-.
O segundo curso titulado ‘Xestión de redes sociais e whatsapp’, que se celebrará as tardes dos días 8, 9 e 10 de maio no hotel Carrís Almirante, tamén en horario de 17.30 a 20.30 horas, será impartido por Javier Varela. Varela é consultor de marketing, estratexia e comunicación na empresa Toctoc Medi, administrador do blogue de
márketing The Orange Market e profesor colaborador na EOI, na Universidade de Vigo e noutras entidades. Este curso pretende formar aos asistentes nos cambios que se están producindo no mercado e sobre como as pequenas empresas poden aproveitar e optimizar os seus recursos para ser competitivas e sobrevivir.
Por último, a charla final que pechará as formacións, titulada ‘Técnicas infalibles para atraer (e reter) clientes ao teu negocio’, correrá a cargo de Roberto Pérez Marijuán, socio da empresa Suma Importancia, especializada en comunicación comercial e experta en lanzamento de novos produtos e servizos, en Lean Startup e no apoio a emprendedores. Tamén terá lugar no hotel Carrís Almirante, neste caso o día 11 de maio entre as 17.00 e as 19.00 horas. O prazo de inscricións para o segundo curso e a conferencia final abrirase o día 2 de maio e o procedemento será o mesmo que para o primeiro curso.