O Concello de Valdoviño conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro cunha morea de actividades. Ata finais de mes, premiará a visita á Biblioteca con diversos libros e material bibliográfico procedente do fondo descatalogado. Ademais, mañá xoves, a Biblioteca Municipal acollerá pola mañá unha nova sesión do Foro Galego-Literario escolar para o alumnado de 1º e 2º da ESO, e pola tarde, celebrarase o encontro bimensual do Foro para persoas adultas que dirixe o profesor e investigador Antón Cortizas. Neste caso, coa presenza destacada do escritor Manuel Díaz Vázquez, que abordará cos participantes a súa obra.
O sábado 22 de abril, no transcurso do Mercado Ecolóxico e de Consumo Responsable que se celebrará de 10 a 15 h na Porta do Sol, promoverase un intercambio de libros entre o público asistente. Unha forma de coñecer novas obras a través do troco. A seguinte cita cultural en axenda será o venres 28, ás 20:30 h, na Biblio. No marco do programa “Son de aquí e escribo”, a escritora local Alba Santiago Díaz falará para e coa veciñanza sobre o seu libro “El Hogar de Enma”, centrándose tamén no proceso creativo. E pechando o mes, o domingo 30, a compañía Pedras de Cartón traerá ao auditorio municipal, ás 19 h, todo un clásico da literatura a través da súa obra “Lázaro de Tormes”. Con entrada libre e para todos os públicos.