O libro ‘Mulleres espontaneadas’ preséntase este sábado en Cedeira

O libro é resultado da investigación realizada polo arquiveiro Ángel Arcay, no que se recollen 555 casos de mulleres que se declararon “espontáneas ou espontaneadas” ante a xustiza
Ángel Arcay Barral
Ángel Arcay Barral

A praza da Reitoral de Cedeira –ou a biblioteca López Cortón en caso de choiva- acollerá o vindeiro sábado, día 6, a presentación do libro ‘Mulleres espontaneadas. Fraxilidade humana e cópula carnal nas comarcas do Eume e Ferrol XVIII-XIX’, resultado da investigación realizada polo arquiveiro Ángel Arcay, no que se recollen 555 casos de mulleres que se declararon “espontáneas ou espontaneadas” ante a xustiza para lexitimar os fillos nados fóra do matrimonio. O acto será ás 12:00 do mediodía e no mesmo intervirán o autor e Belén López, de Baía Edicións.

Entre os casos que puido documentar o autor do libro hai 222 de Cedeira, un número moi importante dentro do territorio analizado, as comarcas de Ferrol e do Eume. O proceso do “espontaneamento” garantía na época que a nai contaba coa protección da xustiza, de maneira que ninguén podía insultala ou atacala pola situación e en tal caso ela podía denunciar. O gran número de casos documentados pon de manifesto que o nacemento de fillos fóra do matrimonio era unha situación bastante frecuente na época e, segundo se apunta no libro, ata bastante aceptada socialmente. A condena social chegou máis na segunda metade do século XIX e en zonas urbanas.

Ángel Arcay -Betanzos, 1988- é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago e especialista en Arquivos pola Universidade de Oporto. Dirixe a Biblioteca e o Arquivo Municipal de Betanzos e o Museo das Mariñas desde o pasado ano e é, tamén, director do Anuario Brigantino. Ten realizado outras investigacións polas que mereceu diferentes recoñecementos e este traballo sobre as mulleres espontaneadas obtivo o premio Hume.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.