Exposición fotográfica de Carlos Muíños en Ferrol

O Centro Cultural Torrente Ballester expón desde o pasado 28 de abril ata o 11 de xuño unha mostra fotográfica do ferrolán Carlos Muíños que mostra a súa visión persoal do retrato. «Disparando cos meus ollos» exhibe algunhas imaxes inéditas e mesmo tomadas especificamente para esta exposición, onde as persoas son as protagonistas, e fuxindo da cor, unha característica habitual nas súas fotografías.
Presentación de Juan Galán en Ares

Este sábado a partir das 19:00 horas o Mosteiro de Santa Catalina acollerá a presentación de «Las Tribulaciones de Bruno Lamas», de Juan Galán, que contará coa presencia do propio autor, do escritor e xornalista Pablo J. Rañales e da presidenta da Asociación de Amigos do Mosteiro, Celsa Formoso.
O acto estará presentado por Nina Pantín e despois da tertulia haberá unha actuación musical para os asistentes a cargo do dúo Lírica. A entrada é gratuita e aberta a todo o público.
«RE-CICLAN-DO» de DalleKeDalle de Valdoviño Cultura Extrema
O auditorio da Casa da Cultura acollerá este domingo 14 de maio a estrea da peza musical «RE-CICLAN-DO». Oito percusionistas da agrupación DalleKeDalle farán soar apeiros de labranza tan nosos como os sachos coa vista posta na conmemoración, o vindeiro martes, do Día das Letras Galegas e do Día Internacional da Reciclaxe. Unha composición duns 10 minutos ideada por Nacho Sanz, profesor do grupo de batukada da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, que se foi nutrindo das aportacións dos seus alumnos e alumnas nas clases que cada sábado, de 11:00 a 12:30 horas, celebran na Escola Municipal de Música en Sequeiro. Unhas clases con inscrición aberta durante todo o ano.
A música está en todas partes, e nesta ocasión, DalleKeDalle crearáa para todos nós ofrecéndolle unha segunda vida non só a apeiros como sachos e rastrillos, senón tamén a outros elementos cotiás como colectores ou bolsas do lixo. Unha actuación con entrada libre, este domingo a partir das 19:00 horas.
«Encrucillada» en Valdoviño

O grupo de música tradicional galega «Encrucillada» regresa a Valdoviño para avanzar en primicia algúns dos temas do que será o seu segundo traballo discográfico. Este domingo 14 de maio, como antesala da conmemoración do Día das Letras Galegas, ofrecerá un concerto no auditorio da Casa da Cultura. A partir das 19:00 horas, e tras a actuación da agrupación DalleKeDalle da Asociación Valdoviño Cultura Extrema, subirase ao escenario para compartir co público un repertorio co que regresan ás orixes, con música tradicional á que imprimen o seu particular e persoal selo.
A actuación de Valdoviño será tamén a primeira de «Encrucillada» tras a recente incorporación do intérprete Xoán Padín, que sumará a súa voz á de Elena Díaz. A formación complétase con Javier Rodríguez co acordeón, e cos irmáns Alberto e Óscar Maceiras —saxo e percusión respectivamente— e Antonio López —gaita e ocarinas—, estes últimos, integrantes do cuarteto tradicional que percorría a comarca nas alboradas das festas e do que nacería o grupo.
Sendeirismo no Pico da Vela, en Valdoviño

O Concello de Valdoviño organiza unha nova ruta de sendeirismo polo municipio. Neste caso será un itinerario circular ata o Pico da Vela que se vai celebrar este domingo con saída da praia do Río, en Meirás, sobre as 10:00 horas. De dificultade baixa-media, cubriranse nove quilómetros nun tempo estimado de catro horas e media, un tempo no que se poderá botar unha ollada ao pasado militar de Valdoviño a través da batería de Campelo e achegarémonos ás extraordinarias vistas da costa dende o máis alto, a cima do Pico da Vela.
A participación é gratuíta e as plazas, limitadas. Para apuntarse é preciso enviar un correo electrónico a [email protected] indicando nome e apelidos, localidade de residencia —terán preferencia os empadroados— e teléfono de contacto, así como unha fotocopia do DNI. No caso dos menores tamén se precisa remitir unha autorización asinada de pai, nai ou titor legal.