Desbloquear o polígono industrial e poñer en marcha o centro de día, prioridades de Edmundo Maseda no Valadouro

O alcalde e candidato á reelección defendeu que buscan "unha ampla maioría que nos permita desenvolver o noso proxecto sen atrancos"
edmundo

O alcalde do Valadouro e candidato á reelección o vindeiro 28 de maio, Edmundo Maseda, presentou este domingo pola tarde a súa candidatura e o seu programa electoral nun mitin con veciños no Salón de Actos da Casa da Cultura Manuel Lourenzo. Un acto que contou coa presenza do senador socialista e veciño desta localidade mariñá, César Mogo, e da deputada socialista no Parlamento Galego Patricia Otero, entre outros alcaldes e alcaldesas da comarca, simpatizantes e cargos orgánicos da provincia.

Maseda amosouse ante os seus veciños “con moitas ganas e ilusión” e admitiu que nestas eleccións “saímos a gañar e a por unha ampla maioría que nos permita gobernar e desenvolver o noso proxecto sen atrancos, foron 10 anos en minoría e non puidemos ser todo o áxiles que nos gustaría para sacar adiante as nosas políticas porque a oposición non colaborou”, afirmou ao tempo que alentou á veciñanza a ir votar e a implicarse para que “ao tempo que gaña o Partido Socialista, gañe tamén O Valadouro, porque a elección é doada: avanzar ou volver ás políticas do pasado”.

Mogo foi crítico coa visita de Alfonso Rueda este sábado ao Valadouro, “non veu falar dos problemas ou das demandas dos veciños, senón que veu falar de Bildu, iso é o que respecta o Presidente da Xunta aos nosos veciños e veciñas, veu valerse da xente mediante enganos e mentiras”. Ademais, contou que Rueda foi interpelado na súa visita a Ferreira por unha doutora do Hospital da Mariña, “para contarlle o realidade da nosa sanidade, diso non puido escapar, porque lle detallou como está situación sanitaria da Mariña desmentindo a propaganda electoral do PP”. “Os socialistas vimos a cara descuberta, contándolle a verdade á xente, falando do que realmente lle interesa á nosa veciñanza e plantexando solucións aos seus problemas”, afirmou.

Logo de 10 anos de Goberno en minoría, Maseda foi crítico coa falta de vontade de colaboración dos partidos da oposición, pois “só nos puxeron paus nas rodas que impediron que O Valadouro avanzase, votaron en contra dos Orzamentos municipais e a propostas que eran moi beneficiosas para o conxunto da concello, algo que non logro entender”, reflexionou Maseda. O alcalde tampouco deixou pasar por alto a falta de traballo dos partidos da oposición porque, “ademais de impedir o noso traballo, non fixeron nada nin achegaron propostas para a nosa vila, eu sería o primeiro en apoialos nos Plenos se achegaran propostas útiles, pero non fixeron nada e iso os veciños e veciñas teñen que velo e, o máis importante, valoralo agora que temos eleccións”, afirmou.

Edmundo defende a súa experiencia tras estes anos de Goberno. “Coñezo moi ben o concello, as súas prioridades, os seus problemas, as súas virtudes e potencialidades e, sobre de todo, as súas posibilidades de cara o futuro”, confesou ante a veciñanza.

O Alcaldable detallou que dende o primeiro día o seu Goberno focalizou a súa acción na atención ás familias con nenos. Algún exemplo que puxo foi a creación dun banco de libros, a posta en marcha do servizo de madrugadores, o impulso de actividades extraescolares ou o apoio ás escolas deportivas. Así mesmo, tamén fixo fincapé en que se prestou unha atención especial ás persoas maiores, incrementando o Servizo da Dependencia das 8.000 horas que había no 2013 ata as 35.000 horas que teñen actualmente, un servizo que conta cun orzamento de preto de 600.000€. «Tamén dende o Concello asumiuse a diferenza económica deste servizo, pois a Xunta de Galicia só pon 11€ dos 18,50€ que costa o servizo», destacou.

O Alcalde priorizará nos vindeiros meses rematar as cuestións e proxectos que o seu Goberno iniciou e que ten en marcha, como é o caso do Polígono Industrial, que “agora mesmo está atrancado pola Xunta de Galicia, cada vez requiren novas formalidades e impídennos avanzar, detallou. Tamén quere poñer en marcha o Centro de Día, que xa está acondicionado pero só falta o orzamento para a súa posta en marcha. “Os partidos da oposición non quixeron aprobar os orzamentos, nin o suplemento de crédito nin propuxeron alternativa algunha, é unha irresponsabilidade deles porque non podemos poñer esta dotación social ao servizo dos nosos maiores”, dixo.

Edmundo Maseda contempla facer unha realidade as vivendas cooperativas na Avenida da Veiga, pois arestora o proxecto está “paralizado na área de urbanismo e estamos traballando para que na menor brevidade posible se poidan facer”. Así mesmo, non deixou pasar por alto a idoneidade de crear os Consellos da Xuventude e dos Maiores, “son bos instrumentos de participación cidadá que contamos sacar adiante no próximo mandato, a pandemia da Covid-19 imposibilitou poñelos en marcha coa axilidade que nos gustaría”.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.