Elba Veleiro aposta por un plan de humanización continuo e comunicar mellor as parroquias

A alcaldesa de Vilalba e candidata á reelección sinalou que nos vindeiros catro anos centrará a súa atención nos maiores, para quen creará unha concellería específica
elba veleiro

A alcaldesa de Vilalba e candidata á reelección polo PSdeG, Elba Veleiro, ofreceu este domingo un mitin na Praza das Mulleres da localidade chairega, ao que asistiron numerosos veciños, afiliados e simpatizantes. “A partir do 28-M imos seguir avanzando no cambio de modelo porque estamos no bo camiño”, destacou a socialista. No encontro participaron tamén a número dous da candidatura, Marta Rouco, o ex alcalde de Lugo, José López Orozco, e o voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez.

Destacou Veleiro que no 2019 os socialistas obtiveron “unha resposta extraordinaria e determinante e, a pesar dos atrancos pola pandemia e a crise económica, nestes catro anos deixámonos a pel por non deixar a ninguén atrás”. Neste sentido lembrou as medidas que tomaron desde o Concello, como o reparto de máscaras, a inxección económica ao comercio local ou a cobertura das necesidades básicas a aquelas persoas máis vulnerables.

A alcaldesa manifestou a súa vontade de seguir transformando Vilalba ata acadar un concello “xusto, transparente, inclusivo e con igualdade de oportunidades para todos os cidadáns”. Elba Veleiro quere seguir liderando un Goberno local “que represente os dereitos de todos e todas, que impulse a creación de emprego, que promova a cultura e o deporte, e que faga de Vilalba o lugar no que queiramos vivir”.

No que ten que ver coas súas propostas programáticas, a alcaldesa e candidata á reelección sinalou que seguirán potenciando os espazos pensados para as persoas a través dun plan de humanización continuo, que reformarán a Casa Consistorial ou a implantación do proxecto de arborado no casco urbano. “Impulsaremos a peonalización da Praza de Santa María e dinamizaremos o casco vello, ao tempo que continuaremos traballando na creación de aparcadoiros e na mellora da circulación”, engadiu.

“Continuaremos o esforzo inversor destes catro anos en comunicar mellor as parroquias, priorizando polo número de veciños que circula por ela”, dixo sobre o rural de Vilalba, para o que tamén se comprometeu, entre outras cuestións, a mellorar os servizos e continuar coa mellora das escolas habaneiras tras a remodelación das de Carballido, Tardade e Santaballa.

A socialista quere seguir traballando en termos de transparencia e eficiencia e nese sentido apuntou á necesidade de aprobar a RPT municipal, xa rematada, pero que non foi posible aprobar neste mandato. Tamén comprometeuse na súa aposta pola cultura e o deporte e sinalou que nos vindeiros catro anos centrará a súa atención nos maiores, para quen creará unha concellería específica e por quen loitará para a creación dun Centro de Día público entre outras cuestións.

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.