«Ferrol abre a porta contigo», a nova iniciativa do Concello para erradicar a violencia machista

Empregaranse diferentes medios de comunicación locais para poder achegar mensaxes de diferentes vítimas á sociedade, e así abrir entre todos unha porta cara a liberdade
89301157_539397803626056_4114774769184800768_o

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, presentou hoxe «Ferrol abre a porta contigo», a nova campaña contra a violencia machista promovida pola administración local no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Esta iniciativa créase cun dobre obxectivo: por unha banda, que as mulleres que estean sufrindo violencia se identifiquen como vítimas, e por outra, que coñezan os recursos que están á súa disposición tanto no Concello coma no resto de Administracións do Estado.

Tal e como explicou a edil, o lema representa unha man tendida para axudar ás mulleres a saír dunha espiral para a que non ven un fin, abrindo xunto a elas unha porta violeta para amosarlles que hai outra vida na que poden ser libres. O principal motivo polo que o Concello lanza agora esta campaña é que durante o confinamento puxéronse en marcha varias iniciativas a nivel nacional e autonómico para protexer ás mulleres que estaban pasando o estado de alarma pechadas cos seus agresores. Agora é o momento de darlles continuidade para complementalas e que a mensaxe permaneza visible.

«Ferrol abre a porta contigo»

Dita iniciativa desenvolverase en dúas fases diferenciadas. A primeira céntrase na identificación das vítimas, apoiándose en tres ferramentas: un vídeo divulgativo, un cartel e publicidade nos medios de comunicación locais. As mensaxes foron elaboradas por mulleres que sufriron a violencia de xénero e que pasaron polo Centro de Información á Muller, algo que a concelleira quixo pór en valor, xa que o contido se basea  nas súas experiencias e en frases reais de maltratadores.

Os perfís aos que está dirixida son dous. Por unha banda, unha muller máis nova, de entorno urbano á que está dirixido o vídeo, pensado para a súa difusión sobre todo aproveitando o gran impacto que teñen as redes sociais. E por outra, unha máis madura e do medio rural na que se centra o cartel, que se distribuirá por locais sociais, establecementos hostaleiros e comerciais. O Concello conta para a súa difusión coa colaboración da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e da Xerancia Integrada de Ferrol, que facilitaron a súa colocación en igrexas e centros de saúde.

En paralelo, vaise estrear o Instagram da Casa da Muller, cuxa primeira publicación será o vídeo realizado. A segunda fase da campaña estará dedicada á identificación de recursos, incluídos os de carácter económico. Iniciarase dentro de dúas semanas coa edición dunha guía de recursos en clave local e autonómica para que as vítimas coñezan de primeira man todo o abano de servizos e axudas ás que poden recurrir. Inclúe a impresión do documento, a súa difusión en formato dixital e a creación dun pequeno documental no que as técnicas do Centro de Atención á Muller e representantes das entidades explican de primeira man ás mulleres toda a axuda que poden recibir.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.