Ortigueira arroupou no día de hoxe ao músico Kepa Junkera no seu regreso histórico ao municipio tras máis dunha década. Fíxoo para presentar, no Teatro da Beneficencia, o seu documental e libro con título homónimo ‘Berpiztu’, que significa ‘Renacer’, e que inclúe imaxes e testemuñas nunca vistas sobre o músico, que veu a súa carreira interrompida a finais do ano 2018 tras sufrir un ictus. O Teatro da Beneficencia acolle desde hoxe mesmo unha exposición sobre Kepa Junkera coas fotografías de Sonia Navas e Sindo Novoa. A mostra poderase visitar ata o final do Festival de Ortigueira, que se celebrará entre o 9 e o 16 de xullo.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destacou que Kepa Junkera é “un deses músicos que deixan pegada alí onde pisan e, en Ortigueira, deixouna”. Ademais de agradecerlle a súa xenerosidade de elixir a nosa vila pra presentar o seu “Renacer”, Calvín definiu este documental como “unha lección de vida” e “unha oda á superación”. Neste sentido, salientou que nel o músico bilbaíno demostra que non perdeu a ilusión, o humor e, sobre todo, a súa capacidade de traballo: “A fortaleza de Kepa non ten límites e sei que nunca deixará de sorprendernos”, afirmou.
Con este acto, Valentín Calvín deu por inaugurada a nova edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira: “Porque non hai mellor xeito de facelo e porque, ante todo, Kepa meréceo. Por todo o que lle deu á nosa vila pero, sobre todo, polo que lle leva dado á música folk internacional e á da súa terra, Euskadi”. O evento, no que colaboraron o Concello e a organización do Festival de Ortigueira, comezou cunha visita do músico ao banco de Loiba, un dos lugares máis emblemáticos dunha Ortigueira gardada no corazón do músico.